Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

¿Tres horas? ¡Por favor!


Oviedo - A Coruña, vindo tranquilo, faise en menos de tres horas. Pero, ¿quen quere facelo en menos de tres horas?

Moita presa hai que ter para non querer perderse nos chanzos que fan as veces de intrincadas ruelas en Cudillero. Para, se as mareas acompañan, non admirar unha vez máis a Praia das Catedrais (até que o tumulto sexa xa permanente). Para non gozar da praza máis infravalorada de Galicia, sentado do lado de Don Álvaro en Mondoñedo.

Para non parar a xantar no Mesón do Campo de Vilalba. É tempo de capón, e hoxe tomámolo ao xeito tradicional - que compota de mazá, coa graxa do capón e trufa branca! - e nun arroz meloso ben sabedeiro. Antes, ensaladilla de centolo (holandesa no canto de maionesa, granada de contrapunto ácido) e berberechos en beurre blanc.

A adega deste lugar é estratosférica: hoxe tocou unha pinot borgoñona de escándalo. Pero podería ter tocado calquera dos tesouros galegos agochados nese soto para quedarse a vivir.

Tres horas? Por favor!

Comentarios