Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Casa Surrey (A Coruña): bo picoteo, moi bo viño e fantásticas centolas


O meu pai é matemático. O meu irmán tamén. Non sei se é por iso, pero eu acredito moito na propiedade transitiva: se eu confío en ti e ti confías nel, eu confío nel.

Todo isto a conta de que sábado pasado estaba eu en A mano Coruña, comprándolle viño e queixo a Juan, cando entrou alguén.

‘Xa lle fostes a ese?’, dixo Juan
‘Non sei quen é’
‘Pois xa estás tardando en ir’

Dito e feito, falamos con el e fixemos a reserva para o venres seguinte. E acabamos tamén indo esa noite, afortunados de atopar un oco na barra.

‘Ese’ era Fran, de Casa Surrey, un dos lugares de tapeo históricos da rúa Barrera. Xa ouvira falar das súas centolas, mesmo tentara ir algunha vez. Non sabía o que estaba perdendo: o primeiro día foi un bruño de algo menos dun quilo, sabor puro; o segundo, xa encargado, un señor bicho de case dous.

Non me extraña que atinxan ese nivel despois de escoitar a Fran: o xeito de atopar os animais, o de cocelos - minutos, lume -, o de enfrialos - tempo, velocidade: a caca densa, case paté -, contado cunha paixón que convence por si mesma.

E, por se fora pouco, a adega. Non vou contar porque non sei se podo, pero vin cousas tremendas por alí. Como en todo lugar que se precie, a carta é a conversa co sumiller, neste caso o propio Fran. Nas fotos tedes as escollas.

Aínda máis. Para o que quera picoteo, as puntillas son caralludas. Tamén probamos bos mexillóns en escabeche - dos potentes - e ensaladilla.

Marabilla a propiedade transitiva.

Comentarios