Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Nómade (A Coruña): viños arxentinos con boa compañía no prato


Camiñaba o outro día pola rúa Picavia cando un cartel chamou a miña atención: wine bar arxentino, seguido de nomes tan relevantes como El Enemigo, Catena Zapata, Rutini ou Bressia – adegas, a maioría, que puiden visitar cando vivía en Santiago de Chile, só cruzar os Andes para chegar a Mendoza. Obviamente, había que coñecer ese lugar: Nómade.

E alá que fomos. Cociña de grella, de lume, á vista dunha acolledora sala de aires máis mediterráneos que pampeanos. Escollemos carne, claro: un ojo de bife ben mol, no seu punto e temperatura, algo tímido de sabor, acompañado por un boniato asado. Gustei das entradas, especialmente do aguacate en tempura con tartar de salmón; tamén bos os shiitake con tapenade, stracciatella e ourizo.

A escolma de viños arxentinos está en construción, pero xa amosa cousas interesantes das adegas citadas e algunhas máis doutras zonas do país, de Salta á Patagonia: nós escollemos o Bressia Profundo, un blend mendocino no que predomina a malbec, tan elegante como doado de beber.

Sen dúbida, benvida esta proposta para coñecer os viños de alén do Atlántico, acompañados por unha cociña que está á altura.

[Teñen boa parte da oferta por copas e unha zona de mesas altas, así que supoño que existe a opción de tapeo]

Comentarios