Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

¡Ben escollido! Os fóras de carta de A Espiga (A Coruña)


Mola cando, escoitando os fóra de carta, cruzas ollares coa túa parella e sabes que os dous estades pensando “imos tomar iso”. Tres veces aconteceu o outro día na A Espiga e tres veces que, máis tarde, sorrimos co primeiro bocado cando os pratos - a coca con figos e touciño, a lura con parmentier de pataca e un peixe sapo estupendo - chegaran á mesa: “ben escollido!”.

Comezaramos antes cun par de opcións da carta, o xurelo con gazpachuelo de jalapeños e mollo nikkei e os mexillóns con escabeche emulsionado. Eu quédome con aqueles: seica atopamos a proposta máis sólida cando ficou preto dos sabores da terra.

O viño – fomos por copas – tamén foi un diálogo ben entretido, o que nos permitiu viaxar por varias DOs galegas e rematar con esa marabilla que é o Sitta Pereiras. ¡Boa escolma entre esas vellas paredes de pedra!

Comentarios