Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Taberna do Bico (Camariñas): produto, viño, simpatía


Hai veces, non poucas, nas que menos é máis. Nas que as a palabras estorban, en vez de axudar. Iso é o que sinto cando matino como falar da Taberna do Bico, despois de achegarme onte até Camariñas e xantar alí. Tres palabras, tres, abondan: produto, viño, simpatía. Nin máis nin menos.

[Postdata 1: tremendos longueiróns, de tamaño, textura e sabor. A carta de viños, das de ler enteiriña de principio a fin. Os peixes, grandes, máis para ir catro que en casal: o noso sanmartiño de 1,3Kg - no punto certo - era das pezas pequenas.]

[Postdata 2: O Bico alimenta o estómago. Os seis Km que separan o Faro Vilán da praia do Trece, alimentan o espírito. Obrigatoria a andaina antes ou despois do xantar.]

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios