Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá
Teimando en comer, beber e contar
Só teño ido unha vez a La Esquina de Valentina. Era un luns chuvioso de inverno pola noite, andabamos pola zona e era dos poucos lugares abertos. E gustamos do que tomamos. Sumemos a iso as reaccións tralas primeiras semanas após a apertura, xusto á carón, de Concha, tamén nas mans de Nacho Moreira. Había que ir probalo, desta vez a tempo.
Concha é un local mediano, longo, cunha lumieira ao fondo que prové unha luz ben xeitosa. A carta é sinxela, tamén a cociña, pero co punto de personalidade suficiente para marcar unha rota propia, para evitar caer na uniformidade tan presente.
Como a ostra aberta á brasa, morna, explosivo recendo a afumado que se mestura co salino na boca. Ou o salmonete con crema de chícharo e allo; ou a raia á brasa (si, hai máis xeitos de preparar a raia!) con salsa brava, que eu faría máis brava; ou os chocos á carbonara: guanciale, ovo, as patiñas rebozadas con fariña e a súa tinta. Non queda atrás a lasaña de centolo.
Apañada tamén a escolma de viños. Un Rías Baixas tinto é versátil abondo para acompañar desde o salino das ostras até o picante ou o frito: fomos polas caíño, loureiro e espadeiro do Cíes de Rodri Méndez.
Nesta primeira visita optamos polo mar. Haberá que volver a probar o da terra. E a comprobar que aí seguen a dirección clara, o criterio, a personalidade, os matices.
Ver esta publicación en Instagram
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...