Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Omakasé Sushi Bar (A Coruña): ¿falan os peixes idiomas?


¿Falan os peixes idiomas? ¿En que momento o galego da xarda ou o acento andaluz do atún de almadraba viran en sons xaponeses?

Porque cando un nigiri pousa na táboa, recoñeces o produto, sabes de onde vén, sitúalo nun prato de sempre. O seu sabor está aí, pero non chega por onde esperas. Ven máis limpo, máis directo, sen ruído. É o peixe que xa coñeces… pero que de súpeto ten algo novo que dicir.

Ou, talvez, está dicindo o mesmo, pero noutra lingua, cunha tradución ben fina. Unha tradución baseada na técnica, na tradición, no extremo coidado desde o tempero do arroz até a maduración do peixe ou o aloumiño do binchotan.

Iso é o que acontece na barra de Omakasé Sushi Bar co que sae das mans de Adrián: un diálogo que non precisa tradutor; unha conversa en voz baixa na que todo cadra.

A parte líquida agora está comandada por Javier Facal. Aquí non houbo traducións, nin falla que facía: a gheada e o seseo do Salnés ficaran íntegras no fantástico 69 Arrobas de Albamar.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios