Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Nova visita a Izakaya Hokuto (A Coruña)


Nova visita a Izakaya Hokuto, xa en plena forma cuns meses de rodaxe trala reapertura.

Puxémonos, coma sempre, en mans de Carlos e saiu a coñecida secuencia sashimi/usuzukuri, interludio de cociña e nigiri para finalizar.

Non vou escribir moito desta vez: coido que as fotos son elocuentes. Só destacar os nigiri de peixe azul (xurelo, xarda, sardiña), agora que se achega o seu mellor momento; a caldeirada e o mollo verde que temperaban o cabracho e a pescada; a parella magnífica dos últimos chícharos bágoa co toro; o sabedeiro que pode ser algo tan simple como un nigiri de ovo fritido.

Que sorte temos na Coruña de ter tres xaponeses de nivel: a ortodoxia e a técnica de Omakasé Sushi Bar, a fusión e a versatilidade de Izakaya Hokuto, e a creatividade e personalidade de Caballa 14. Moita sorte.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios