Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Asador O'Pazo (Padrón) e a procura do puntiño máis


Volver con frecuencia a un restaurante que admiras ten algo de ritual e algo de perigo: o perigo de dar as cousas por sentadas. Por moi bo que sexa, o efecto novidade pérdese, o padal acostúmase e o que onte parecía extraordinario acaba converténdose, amodo, no mínimo esixíbel. Somos insaciábeis, sempre queremos máis.

Porén, fronte á ditadura do efémero, da novidade pola novidade, hai lugares (poucos, un deles Asador O'Pazo) que son quen de manter vivo o impacto da primeira vez a base de non se conformaren co que xa é de seu moi bo, de traballaren arreo os matices: a procura permanente desa diferenza case imperceptíbel entre o que se goza e o que se lembra. No caso dos de Padrón, a partir dunha lectura do produto e do lume que xa transcende a técnica; é intuición pura.

Non sei cal é o teito desta casa, pero dá gusto ver a un equipo que, estando xa no máis alto, segue buscando ese puntiño máis, tamén na sala. A min só me queda seguir vindo a comprobar o resultado.

[Desta volta vouvos aforrar a enumeración de pratos e viños. Mellor botádelle un ollo ás fotos: falan por si soas.]

Comentarios