Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Concha (A Coruña): volver só porque presta


A primeira vez – aínda non estaba Concha – foi unha chuviosa noite de luns, La Esquina de Valentina case a única opción. A segunda, hai uns meses, para coñecer a entón recente apertura de Nacho Moreira, xusto a carón. Desta vez, a terceira, foi simplemente porque prestaba volver.

Prestaba recuncar: a ostra aberta á brasa, morna, afumada; a lasaña de centola. Prestaba probar cousas novas, agora nos últimos días do verán: o bonito curado con escabeche; un tan contundente como sabedeiro prato de ovos, patacas e rodaballo; as magníficas vieiras con millo (sedosas, allo e chourizo para dar substancia). Prestaba un xa clásico da casa que non tomaramos a primeira vez: a sopa de marisco.

Non fomos moi lonxe para o viño: Ribeiras de Armea e Betanzos sempre son unha escolla axeitada.

E así, sen máis, fomos volvendo. Que ás veces tamén é un xeito de saber que un local vai gañando o seu espazo, marcando a súa presenza: un día lévate a choiva, outro a curiosidade e, ao terceiro, xa non fai falla que pase nada. Só que preste.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios