Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Sevilla soubo a outono en Leartá


Pouco máis de vintecatro horas en Sevilla, pero deu para un xantar no pequeno e acolledor Leartá, que tanto me gostara cando o visitei hai un par de anos, ao pouco de abriren.

Desta volta menú de outono, ben virado ao vexetal e con sabores andaluces moi recoñecíbeis xa desde os altramuces en caldo de aceitunas que abren a secuencia.

Pasan pola mesa mollete con xeado de manteca e tomate, gamba branca de Isla Cristina con laranxa, pataca e loureiro; pero tamén fiúncho con pementa verde (estupendo), berza e ostra, castaña e cebola, sangue e allo, endivia e mazá...

Pratos nítidos, sabedeiros, que deixan moi claro onde estás: en Sevilla, en Andalucía.

Non nos movimos de lugar para os viños, claro. Cousiñas do Marco nos momentos certos e un ancestral de Forlong que acompañou de principio a fin.

Ían trinta graus fóra, pero Sevilla soubo a outono.

Comentarios