Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Niño Corvo (Vigo): fusión ben feita

Imaxe
Aguachile, palta, cilantro, choclo co bonito listado. Calquera que me leva de volta a América tenme gañado. Sabores e recendos que gorentan. Gañoume Adrián Albino na mesa do chef do Niño Corvo . América, Asia e, sobre todo, Galicia. Unha mestura ben feita. O citado aguachile de bonito, a sobranceira gyoza de choco coa súa tinta, o gunkan de ourizo chileno. Sabores de máis perto: o salmonete coa súa maionesa, a sardiña afumada, o nigiri de sargo con panceta, a xarda. O viño. Condado, Cenlle, Amandi. Escolma ben intelixente, complementada con burbullas de aquí e acolá. Son dos que colocan a fusión baixo sospeita, dos que fuxen de gyozas, baos e panipuris. Tan manoseados, tan maltratados. Seica por iso, presta o dobre atopares un lugar onde saben facela, coma o Niño Corvo . Ver esta publicación en Instagram

Salpica (A Coruña): moito máis que unha previa

Imaxe
Non ten tanto tempo aberto o Salpica , só uns meses. Teño ido moitas veces, pero sempre de previa. Un, se cadra dous, dos moitos bos viños que teñen por copa; ostras ou ensaladilla e listo o aperitivo: podemos ir xantar. Erro. Estes tipos teñen material, moito: no líquido e no sólido. Tras deles, nin máis nin menos que Ríos O Freixo . E, mandando na barra, xente que sabe moito de viño. Hoxe pintaba un domingo deses grises, de ficar na cama. Pero conseguimos saír: o corpo pedía picoteo informal e rico. Pedía barra e tallo. "Imos tomar diso", díxenlle a Vanessa acenando para o expositor coas cunchas. E sacounos un Lugar da Balteira de Os Chaos : branco lexítimo, godello e un pouco de agudelo, do moito bo que fai Óscar en Betanzos. Ostras do Eo, berberechos de Noia, volandeiras de Rianxo, camaróns de Lira, luras á prancha (non sei de onde, pero boísimas). Mesmo con todo iso, a harmonía do día para min estivo clara: a acidez punzante do branco lexítimo e a gordura x...

Salvaxe (Pontedeume): forno e brasa, río e fraga

Imaxe
Forno e brasa. Raúl e Rodri. Río e fraga. Co de arriba daría para resumir, ben resumido, o que aporta - e non é pouco - o pendello restaurado que acubilla o comedor de Salvaxe , apenas unhas semanas aberto. Cachena, rubia, minhota, da man de Mario Nogueira . Certo o punto, mol de desfacerse, o chuletón de vaca da primeira. A pataca e o pemento ao forno, á altura. Por encargo, tamén año, porco e peixe. As entradas non desmerecen: alcachofas con panceta e payoyo; vieira apaxada na brasa, parmentier e xamón. Con dous collóns, só hai viños de Raúl Pérez e Rodri Méndez . ¿Quen precisa máis? Ese As Covas é unha pasada. A mesa de fóra ten moita cara de gin tonic nos longos solpores do verán. Hoxe, e tampouco estivo mal, foi un vermutiño abrigados ao frío sol de novembro, tras visitar o veciño mosteiro de Caaveiro. Ten pinta de irse converter nun planazo isto de Salvaxe . Ver esta publicación en Instagram

Miguel González (Ourense): unha daquelas noites

Imaxe
Unha antiga drogaría en pleno centro de Ourense é, desde hai uns meses, o novo fogar de Miguel González . Teito alto, enormes fiestras, mármore, un chan deses que lembra decontado - aos que imos tendo unha idade - ás tendas nas que entrabamos de cativos das mans dos nosos pais: ultramarinos, farmacias, xastrarías. Mobiliario, iluminación, cociña á vista aportan o contemporáneo á mestura. O local é estupendo, e ese contraste coido que ten bastante de declaración de intencións. Porque a cociña que atopamos foi plenamente actual e mesmo así afundindo as raíces ben na tradición, no de arredor. Un triángulo entre as lonxas das Rías Baixas, no fondo tan perto; as hortas de arredor da cidade, nalgúns casos traballadas pola familia; e as augas termais de Ourense, presentes en curacións, infusións, coccións. Avanza o menú, avanzan os pratos como un desafío entre o protagonista (sempre no seu punto: navalla, vieira, salmonete, robaliza, moela...) e os sabedores fondos, a horta e o monte (p...

Outra vez en Ceibe (Ourense): moito, moito que contar

Imaxe
Cando tomo un menú degustación, os extremos son o que menos me chama. No inicio, coido que os snacks adoitan ser intrascendentes, un preámbulo protocolar que aporta cada vez menos. No final, e isto xa é unha cuestión de gustos persoais, os doces interésanme moito menos que os salgados. Porén, para falar da cea do outro día en Ceibe , teño que comezar polos extremos. Case sen tempo de nos sentar, os aperitivos chegaron como un directo á queixada, un “prepárate que aquí estamos nós”: pura intensidade nun groliño de caldo e nunha empanada - a masa desas, tan fina como sabedeira - de mexillón e chourizo ceboleiro. Ao peche, tras tres boas horas, a sinxeleza fake da tona de Airas Moniz ela soíña, só cun culler de manteiga torradiña para darlle ese toque a avelá. Sinxeleza que é calquera cousa menos sinxela. Seica os italianos chámana sprezzatura. Entre os uns e a outra, moito que contar. Alí seguían dous pratos cos que flipara a vez anterior: o polbo e a pescada, impecábeis. A moela ...

A forza da gravidade no Lagar da Estrella (A Coruña)

Imaxe
Mira que eu son de experimentar, de coñecer, de variar. Pero hai algo nesa parte inicial de carta de O Lagar da Estrella cunha forza de atracción, de gravidade que non consigo resistir. Non sei se é costume ou simple teimosía, pero hai escollas que non podo traizoar cando entro nese local. Disque agora lle chaman comfort food, coma se o inglés lle dera máis prestixio ao pracer de repetir. Entón, claro, alá foi o carpaccio de gambón ao allo; alá foron as tostas de sardiña afumada; e alá foi, sobre todo, o usuzukuri de corvina á galega. Chegou despois a tempada a desviarnos do camiño habitual: moi ricos os cogomelos salteados con apionabo e xema de ovo. Pechamos o salgado cun arroz de choquiños fritidos, antes de dar paso a un capítulo doce capitaneado, como non, polo inmenso flan. Talvez algún día consiga resistir esa gravidade. Até que chegue ese momento, seguirei gozando do ben feito: recuncar, aínda que sexa unha palabra galega, tamén ten o seu encanto. Ver esta publicació...

Casa Gaibor (Guitiriz): ¿quen precisa caviar?

Imaxe
Xa lestes, hai non demasiado, o moito que me gustou Casa Gaibor . En xeral, pero particularmente aquel guiso de verdinas con chipirón. Por iso hoxe, en canto vin a carta, sabía que esas lentellas con orella de porco e foie mi-cuit feito na casa ían ser unha pasada. Non me trabuquei, non. Viñan nunha cunca e meter o nariz nela foi un momento Anton Ego en Ratatouille. ¡Máis guisos así, por favor! Acabados de chegar das vacacións, comparecen na carta algúns pratos máis traballados. As anchoas van sobre broa (debería ser obrigado!) e con manteiga de Airas Moniz . Os vexetais son protagonistas: en frío, os figos coa dourada cortada como usuzukuri; en quente, uns morróns - carnosos e sabedeiros - con cecina, galmesán e piñóns. Aí segue o produto puro, claro. Iso non falta. Os berberechos, o sargo ao forno con esas patacas e ese pilpil. Lentellas, orella, patacas, broa, figos, pementos. Se hai cociña dese nivel, ¿quen precisa caviar? Deixámonos levar por Adrián para beber. Burbullas...

Taberna do Bico (Camariñas): produto, viño, simpatía

Imaxe
Hai veces, non poucas, nas que menos é máis. Nas que as a palabras estorban, en vez de axudar. Iso é o que sinto cando matino como falar da Taberna do Bico , despois de achegarme onte até Camariñas e xantar alí. Tres palabras, tres, abondan: produto, viño, simpatía. Nin máis nin menos. [Postdata 1: tremendos longueiróns, de tamaño, textura e sabor. A carta de viños, das de ler enteiriña de principio a fin. Os peixes, grandes, máis para ir catro que en casal: o noso sanmartiño de 1,3Kg - no punto certo - era das pezas pequenas.] [Postdata 2: O Bico alimenta o estómago. Os seis Km que separan o Faro Vilán da praia do Trece, alimentan o espírito. Obrigatoria a andaina antes ou despois do xantar.] Ver esta publicación en Instagram