Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Concha (A Coruña): unha rota propia

Imaxe
Só teño ido unha vez a La Esquina de Valentina . Era un luns chuvioso de inverno pola noite, andabamos pola zona e era dos poucos lugares abertos. E gustamos do que tomamos. Sumemos a iso as reaccións tralas primeiras semanas após a apertura, xusto á carón, de Concha , tamén nas mans de Nacho Moreira . Había que ir probalo, desta vez a tempo. Concha é un local mediano, longo, cunha lumieira ao fondo que prové unha luz ben xeitosa. A carta é sinxela, tamén a cociña, pero co punto de personalidade suficiente para marcar unha rota propia, para evitar caer na uniformidade tan presente. Como a ostra aberta á brasa, morna, explosivo recendo a afumado que se mestura co salino na boca. Ou o salmonete con crema de chícharo e allo; ou a raia á brasa (si, hai máis xeitos de preparar a raia!) con salsa brava, que eu faría máis brava; ou os chocos á carbonara: guanciale, ovo, as patiñas rebozadas con fariña e a súa tinta. Non queda atrás a lasaña de centolo. Apañada tamén a escolma de viño...

Outra vez na taberna de Casa Solla (Poio): viño, vinilos e boa compaña

Imaxe
Na taberna de Casa Solla bébese, cómese, escóitase música, fálase e, por riba de todo, pásase moi ben. Se vos podedes xuntar un grupiño de catro, cinco ou máis que devezades polo viño, a mesa/cociña, os vinilos e a monumental carta en tres tomos están alí agardando. Nós eramos sete, e fixemos unha viaxe boa: de Betanzos (Senlleiro) a Rías Baixas (Fulcro Fabaíños e 69 Arrobas), todos de anadas xa con tempo; fóra de Galicia (o mellor xeito de valorar o que temos aquí é probar moito de alí), pasamos por Champagne, por Borgoña, por Rioja, por Jerez, por Mosela e até polo Líbano. Sempre xogando con Gabriel, á fronte da parte líquida. E a comida, pedida sobre a marcha segundo o viño vai demandando, preparada no momento con moita axuda dunha pequena brasa, á altura do que cabería esperar: as cigalas, os camaróns, a sarda, só apaxados no lume; a coliflor e o salpicón de lumbrigante, con aliños máis cítricos do habitual; tamén guisos, albóndegas ou cogomelos; e flan e queixos para rematar....

Comezando o ano en Bido (A Coruña)

Imaxe
Comezando o ano en condicións. Repaso aos clásicos de Bido : a pescada, perfeita de punto, cos seus berberechos. A empanada de bonito. O canelón de galo celta cun pesto dos bos. Tamén mexillóns con níscalos e curry; alcachofas con panceta e un caldo de xamón para beber a litros. Mestre Mateo, Quinta da Muradella tinto 2018, tan elegante como a comida. Ver esta publicación en Instagram

A volta de Izakaya Hokuto (A Coruña)

Imaxe
“A poucos metros do Campo da Leña, agochada entre horríbeis moles de ladrillo e formigón, resiste unha pequena mazá de casiñas cun xardín central, agardando con paciencia a que o progreso a leve por diante: o Campo de Artillería. Nese escenario, poucas cousas resultan máis naturais ca unha taberna.” Así comezaba a falar da Izakaya Hokuto hai dez anos, cando abría na Coruña o pequeno local que daba acubillo ao proxecto de Carlos Pérez: apenas unha barra para oito ou dez comensais e algunha mesa. E, como en todo bo restaurante xaponés, unha carta de técnicas: o produto é o mellor dispoñible en cada momento. Bastantes anos tralo seu peche, hai apenas unhas semanas, recibimos a boa nova da reapertura. E, unha década despois, alí segue o mesmo espírito: preparacións clásicas xaponesas – sashimi, usuzukuri, sushi, teriyaki; apenas uns dumplings sáense da ortodoxia – co toque persoal nos temperos que dá o pasado de Carlos en Kabuki. Seica onde mellor se aprecia isto último sexa nos sas...

Lera (Castroverde de Campos): verdadeira maxia

Imaxe
Chegaba coas expectativas moi altas a Lera, o cal sempre ten o seu risco. Menú longo de caza, máis dunha ducia de pratos nun frío e chuvioso día de decembro. E, a verdade, é que non sei por onde comezar: aínda estou abraiado. Por unha banda, porque nun menú tan extenso non houbo nin un punto frouxo. Nada, nada que baixara un pouquiño o nivel. Segundo, polo equilibrio entre intensidade de sabores - ¡que fondos, que caldos, que escabeches! - e sutileza: caza, monte e bosque tamén poden xogar na Champions da elegancia. E, terceiro, porque tomamos varios pratos dos de non esquecer, dos que fican na memoria para sempre (vouvos aforrar os superlativos: engadide os que vos pete e non vos ides pasar). O caldo de pato, cogomelos e viño rancio. As fabas con lebre. O faisán con marmelo. Tamén o escabeche de lingua de xabarín con ostra, e os níscalos, e o pichón. En fin, tres horas gozando como cativos, desexando que non pasara o tempo naquel luminoso comedor no que Luis Lera fai maxia co q...

Niño Corvo (Vigo): fusión ben feita

Imaxe
Aguachile, palta, cilantro, choclo co bonito listado. Calquera que me leva de volta a América tenme gañado. Sabores e recendos que gorentan. Gañoume Adrián Albino na mesa do chef do Niño Corvo . América, Asia e, sobre todo, Galicia. Unha mestura ben feita. O citado aguachile de bonito, a sobranceira gyoza de choco coa súa tinta, o gunkan de ourizo chileno. Sabores de máis perto: o salmonete coa súa maionesa, a sardiña afumada, o nigiri de sargo con panceta, a xarda. O viño. Condado, Cenlle, Amandi. Escolma ben intelixente, complementada con burbullas de aquí e acolá. Son dos que colocan a fusión baixo sospeita, dos que fuxen de gyozas, baos e panipuris. Tan manoseados, tan maltratados. Seica por iso, presta o dobre atopares un lugar onde saben facela, coma o Niño Corvo . Ver esta publicación en Instagram

Salpica (A Coruña): moito máis que unha previa

Imaxe
Non ten tanto tempo aberto o Salpica , só uns meses. Teño ido moitas veces, pero sempre de previa. Un, se cadra dous, dos moitos bos viños que teñen por copa; ostras ou ensaladilla e listo o aperitivo: podemos ir xantar. Erro. Estes tipos teñen material, moito: no líquido e no sólido. Tras deles, nin máis nin menos que Ríos O Freixo . E, mandando na barra, xente que sabe moito de viño. Hoxe pintaba un domingo deses grises, de ficar na cama. Pero conseguimos saír: o corpo pedía picoteo informal e rico. Pedía barra e tallo. "Imos tomar diso", díxenlle a Vanessa acenando para o expositor coas cunchas. E sacounos un Lugar da Balteira de Os Chaos : branco lexítimo, godello e un pouco de agudelo, do moito bo que fai Óscar en Betanzos. Ostras do Eo, berberechos de Noia, volandeiras de Rianxo, camaróns de Lira, luras á prancha (non sei de onde, pero boísimas). Mesmo con todo iso, a harmonía do día para min estivo clara: a acidez punzante do branco lexítimo e a gordura x...

Salvaxe (Pontedeume): forno e brasa, río e fraga

Imaxe
Forno e brasa. Raúl e Rodri. Río e fraga. Co de arriba daría para resumir, ben resumido, o que aporta - e non é pouco - o pendello restaurado que acubilla o comedor de Salvaxe , apenas unhas semanas aberto. Cachena, rubia, minhota, da man de Mario Nogueira . Certo o punto, mol de desfacerse, o chuletón de vaca da primeira. A pataca e o pemento ao forno, á altura. Por encargo, tamén año, porco e peixe. As entradas non desmerecen: alcachofas con panceta e payoyo; vieira apaxada na brasa, parmentier e xamón. Con dous collóns, só hai viños de Raúl Pérez e Rodri Méndez . ¿Quen precisa máis? Ese As Covas é unha pasada. A mesa de fóra ten moita cara de gin tonic nos longos solpores do verán. Hoxe, e tampouco estivo mal, foi un vermutiño abrigados ao frío sol de novembro, tras visitar o veciño mosteiro de Caaveiro. Ten pinta de irse converter nun planazo isto de Salvaxe . Ver esta publicación en Instagram