Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Ultramarinos Galera (A Coruña): a lousa como esencia


Cando entres en Ultramarinos Galera só tes que facer unha cousa: ollar á esquerda, detrás da barra, e sacar unha foto da lousa co produto do día. Non precisas nada máis, nen a carta, porque aí tes toda a esencia. Senta na mesa e sofre por non poder elixilo todo.

Nós fomos polo moi bo salpicón de bogavante, polo fresquísimo tartar de bonito con gazpacho de remolacha e parmesano, polos salmonetitos fritos, por unhas fantásticas gambas brancas, polos carabineros con ovos (pinchazo na xema, moi pasada, case sólida). Estupendo xantar.

(Non é de todo certo que non haxa que consultar a carta: cómpre mergullar na de viños, moi ben feita. Nós escollemos ese Mixtura IW que é pura seda).

Comentarios