Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

2024: os meus restaurantes do ano en Galicia


Chega o momento de lembrar aquí os restaurantes galegos que máis pegada me deixaron durante este 2024 que acaba de rematar. Non foi fácil escoller só uns cantos, até reducir o número a sete: poderían ter sido máis, pero entón este post tería pouco de escolma. Como sempre, non están todos os que son, pero coido que son todos os que están.

2024 foi, para min, o ano do lume, do fogo, da brasa. E aí o Asador O'Pazo brilla con luz propia: a versatilidade, a técnica, o control para apaxar por igual un lumbrigante, unha lura, unha vieira ou un chuletón. Falando de chuletón e de lume, Divino Steakhouse é unha mostra de consistencia abraiante, no produto e no punto milimétrico, perfecto, co que sempre sae a carne (e, ultimamente, non só a carne). Completa o trío do lume esa casona de pedra ás aforas de Pontevedra, Albanta, tamén a unha grande altura.

O Salnés exerce como unha sorte de epicentro da gastronomía galega ou, polo menos, de concentración de restaurantes de nivel. E alí, no Grove, hai dous que son para min paradas obrigadas desde hai anos: desde aproximacións moi diferentes, ó final o que conseguen é levar á máxima expresión o que nos dan o mar e as hortas de arredor. Falo, como non, da imparable creatividade de Culler de Pau e do monumental produto de D'Berto.

De volta á Coruña, NaDo é o fogar da cociña sinxela que non ten nada de sinxela, dos fogóns que fan o pequeno prodixio cotiá de que pareza sinxelo o complexo. É o sitio onde tomei esas vieiras á brasa con holandesa que dificilmente esquecerei.

E pecho na Costa da Morte, en Fisterra, no O Fragón: unha xanela ao fin de mundo que xa se converteu nunha das miñas opcións preferidas para gozar de Galicia con todos os sentidos.

Comentarios