Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Taberna Triay (A Coruña): personalidade de hoxe no vello bar de tapas


A Taberna Triay pasa por ser un dos restaurantes de máis personalidade da Coruña, tanto polo desenfadado e orixinal da cociña como polo pequeno local, antano sé dun mítico bar de tapas.

Cando o visito, deixo que sexa Manu quen nos vaia servindo o que considere. E antonte, ao pouco de comezar, chegou cunhas xudías con patacas e ovo cocido. Mirou para min. Mirei para el. Dixo: "¿por que non?". Sorrín e pensei: "¿por que non?".

E estaban boísimas, ao dente, a pataca mol e a xema dos pequenos ovos de paspallás espallándose polo prato. ¿Por que non? ¿Por que xudías, lentellas ou caldo temos que pechalos ben pechadiños na casa? ¿Por que sorprende atopalos nun restaurante informal? ¿Por que nin acreditaríamos velas entre soles e estrelas?

De feito, antes chegara un xurelo en escabeche. E, despois, unha tortilla de bacallau. Máis tarde, unhas ameixas en mollo de Palo Cortado e un galo celta con tortelli. Modo taberna das de antes, das de mollar pan sen parar e saír ben cheo. Curiosamente, despois dunha apertura ben actual: unha cremosísima lura encebolada. Para pechar, figo e queixo.

En fin, moitas máis xudías e moitos menos baos. Máis casas de comidas e menos restaurantes canallas. Máis cociñeiros que devolvan o cotián ao seu merecido sitio. Máis ceas como a doutro día.

[P.D. Da cociña de Taberna Triay poderemos discutir; o que está fora de calquera dúbida é que ten a mellor música de todos os restaurantes da cidade.]

Comentarios