Entre mareas e leiras en Pementa Rosa (Carballo)

Imaxe
Tres surfistas camiñan cara á auga coas táboas baixo o brazo, tres figuras minúsculas na inmensidade da praia. Baldaio, co ceo de chumbo e o mar rompendo lonxe: un deses días nos que o ollar vai do un ao outro sen acabar de decidirse. Non sei se os surfistas atoparían o que buscaban nas ondas. Nós si tiñamos claro onde queriamos chegar despois de percorrer o enorme areal de beira a beira: a Pementa Rosa , en Carballo. Xa sentados á mesa, semellaba que seguíamos a carón do Atlántico, dos montes e das hortas de arredor: usuzukuri de robaliza con bilbaína, moi bo; vieira con demiglace de ave e Galmesán; cigalas con fabas de Ponteceso (de Colectivo Xebre ); un sanmartiño excelente co seu pilpil; e unhas cantarelas con pataquiñas e ovo. Na copa, como Rubén é un fan do champagne, a elección veu case dada: o Philipponnat que nos trouxo acompañou moi ben a viaxe. Fóra, en Baldaio, ficara o mar coa súa teima de romper sempre no mesmo sitio. Dentro, por un tempo, tamén tivemos o noso pe...

Desenfado e cociña na Taberna Triay (A Coruña)


Coñecín a Manu Triay aló polo 2010, nunha cervexería da zona da Praza de Vigo. Dende a súa pequena cociña buscaba saírse dos camiños habituais e até chegou lanzar uns menús degustación que apuntaban moi boas maneiras (*). Cociña “seria” nunha cervexería tal vez non era aposta axeitada.

Hoxe, case quince anos despois, a cervexería virou en taberna (no mítico local dos Tigres Rabiosos, na rúa Torreiro) e a cocinha se adaptou: unha proposta máis informal, máis desenfadada, pero á altura das expectativas xeradas naquela lonxana noite.

A proposta da Taberna Triay ten xa os seus propios clásicos consolidados: o mollete de pringá, o pepito - magnífico -, as croquetas fluidas de nécora ou o donete de cocido (¡esa sopa!). Tamén rende homenaxe a aqueles tigres que daban nome ao local ou explora outros camiños, como as alcachofas carbonara.

Para min, é unha moi boa noticia que prosperen este tipo de proxectos: pequenos locais, a “escala humana”, que enriquecen a oferta da cidade con propostas moi persoais.

Comentarios

Publicar un comentario

Deixa o teu comentario...