Entre mareas e leiras en Pementa Rosa (Carballo)
Tres surfistas camiñan cara á auga coas táboas baixo o brazo, tres figuras minúsculas na inmensidade da praia. Baldaio, co ceo de chumbo e o mar rompendo lonxe: un deses días nos que o ollar vai do un ao outro sen acabar de decidirse.
Non sei se os surfistas atoparían o que buscaban nas ondas. Nós si tiñamos claro onde queriamos chegar despois de percorrer o enorme areal de beira a beira: a Pementa Rosa, en Carballo.
Xa sentados á mesa, semellaba que seguíamos a carón do Atlántico, dos montes e das hortas de arredor: usuzukuri de robaliza con bilbaína, moi bo; vieira con demiglace de ave e Galmesán; cigalas con fabas de Ponteceso (de Colectivo Xebre); un sanmartiño excelente co seu pilpil; e unhas cantarelas con pataquiñas e ovo.
Na copa, como Rubén é un fan do champagne, a elección veu case dada: o Philipponnat que nos trouxo acompañou moi ben a viaxe.
Fóra, en Baldaio, ficara o mar coa súa teima de romper sempre no mesmo sitio. Dentro, por un tempo, tamén tivemos o noso pequeno anaco de costa da moi boa man de Rocío Martínez.

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...