Publicacións

Mostrando publicacións desta data: agosto, 2026

II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

Muíño do Vento (Fene): unha sona merecida

Imaxe
Hai sitios que teñen sona e hai sitios que merecen a sona que teñen. O Muíño do Vento é destes últimos. Daría só para irlles tomar as formidábeis ameixas (facédeme caso: pedide máis das que vos parezan axeitadas). Pero preparan ben outros mariscos e teñen bo peixe á prancha (onte, sanmartiño). E a adega tamén dá para beber con xeito. Por certo, o Muíño está a só cinco minutos da O Gaiteiro . Aperitivo no de Suso antes de subir a Magalofes e tremendo planazo de merenda-cea para unha tarde en Ferrolterra. De nada! 😉 Ver esta publicación en Instagram

Agocho do Bico (Camariñas): xa un referente da Costa da Morte

Imaxe
Resumía en tres palabras a anterior visita a Camariñas, aínda arriba, na Taberna: produto, viño, simpatía. Agora, no novo agocho de pedra do centro da vila, o resumo é igual de doado: produto, viño, simpatía. En realidade, non: así fica incompleto. Porque hai máis medios: a cociña, o equipo, o precioso salón, o patio; coido que hai máis confianza, máis convencemento, a seguridade do que tanto loitou por lanzar o proxecto; se cadra, aínda máis agarimo. Do que chegou á mesa, só ollade para as fotos. Cigala, chipiróns, palometa vermella, apaxados no lume, suaves, sutís. Percebazos do Vilán con amontillado de sobremesa. Antes, un grande clásico das Rías Baixas - Tras da Viña de Zárate - e unha Castelao do atlántico lisboeta de Marinho . Agocho do Bico , Dani e Sara, xa un referente da Costa da Morte. Desde onte, desexando que chegue unha desas fins de semana de outono, vento e chuva, paisaxe e mar, para cear, durmir e xantar no Agocho. Ver esta publicación en Instagram