II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro
Unha lareira e unha cociña de ferro.
Invocou a imaxe Begoña Vázquez, de Regueiro da Cova, e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa.
Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo. Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas.
Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir.
No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos dos que me dan ben de comer durante todo o ano, tantos que me fan gozar. Entre os premiados, casas que os que me ledes coñecedes de sobra: Asador O'Pazo (vacún galego), Casa Gaibor (lura e casa de comidas), Nordestada (sardiña), Mesón do Campo (ave), La Molinera (filloas), A Mundiña (pescada e caldeirada)... que ben o pasei!
Toca, máis que nunca, reivindicar. A quen madruga para ir á lonxa, a quen mantén o lume aceso na aldea, a quen segue falando galego detrás da barra.
Pouco valoramos termos o que temos. Onte, polo menos unha noite, si. Grazas por facelo posíbel, Amigos da Cociña Galega!

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...