A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Os vellos novos clásicos de Gunnen (A Coruña)


Chechu Rey achégase á mesa e fala moito, fálacho todo, pero faino cunha proximidade tan limpa e tan sentida que desarma. Non lareta, non. Alí non hai poses nin misterios: hai un tipo que as ten pasado canutas, un tipo cun talento salvaxe que che debulla calquera técnica cun aceno, coma se fose o máis natural do mundo.

En realidade, nesa mesa, a complicidade non pide grandes discursos. Recoñécese na ledicia compartida (o Gunnen xenuíno) ao volvermos gozar dos vellos (porén novos) clásicos da casa. As navallas, xa patrimonio do noso padal, ou a lura á carbonara teñen a precisión da cociña ben feita que non precisa mudar. Son pratos que un saúda cun sorriso lene, coma quen atopa un amigo de sempre no camiño.

Ao seu carón, agroman tamén propostas novas: desta volta, as máis sobranceiras, o lumbrigante en varios tempos ou as pochas. Non hai neles balbordo nin fogos de artificio; hai o acerto milimétrico de quen domina o oficio e sabe ben o que traza. Ambos van pedindo o seu oco na memoria.

Escoitando a Chechu — o ton, o xesto máis que as palabras — entendes que a cousa en Gunnen vai por onde el quere. E o tempo adoita ser moi xusto co que se fai sentíndoo de verdade.

Angélica, afastada uns pasos, sorrí.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios