Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá
Teimando en comer, beber e contar
Moitas, moitísimas veces téñenme preguntado ¿ti que prefires, a cociña elaborada, a de puro produto ou a cociña tradicional? Ou sexa, ¿Culler de Pau, d’Berto ou un cocido en La Molinera? O que viría sendo, na Coruña, ¿Gunnen, un chuletón no Divino ou os callos de Miga ou Culuca?
Obviamente, a miña resposta sempre é a única posible: ¿por que hai que escoller? Todo, absolutamente todo. Non hai incompatibilidade algunha entre tomar un menú degustación un día e unha caldeirada ao seguinte. Mesmo que algúns o pensen.
Vén todo isto a conto da visita ao Retiro da Costiña na fin de semana pasada, despois de longo tempo sen nos achegar por Santa Comba. O plano orixinal era xantar no restaurante e ficar a durmir nas vilas. E así comezou a cousa, co percorrido polas zonas de traballo mentres tomabamos os petiscos iniciais – troita, ameixa, cachena, anchoa, anguía –, rematado na espectacular adega.
Xa no comedor, chegaron os pesos pesados: bertóns e garavanzos (xa que falamos de elaborado e tradicional: un cocido doutro xeito), unha monumental vieira, lumbrigante, robaliza, máis vaca, os doces e, polo medio, un pratazo de cogomelos (anguía de monte) rematado con trufa relada na hora. Moi, moi bo. E claro, un viño á altura: Dominio do Bibei 2011, unha brancellao vella desas que me teñen namorado.
Estabamos no salón, cos cafés e unha copichuela, cando pasou Manuel por alí. E viñémonos arriba. Xa que ficabamos durmir nas vilas, preguntámoslle se podería ser un centolo para cear. ¡E puido! Á hora acordada, alí estaba o propio Manuel cun tremendo bicho de 3 Kg – viña de Lira – explicándonos como cocen – tempos, sal – e servíndoo cunha mestría que só se atinxe tras 12.000 centolos ás costas, segundo a súa conta. Carallo, como o pasamos. Acompañamos con ese Ramón do Casar Lento tan difícil de atopar como bo de beber.
¿Que me gustou máis? ¿A experiencia de alta cociña do mediodía ou a esencia do produto galego da noite? ¡Que queres que che diga! E, sobre todo, ¿por que me ía preocupar sabelo, pasándoo tan ben como o pasei?
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...