Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

NaDo (A Coruña): o humilde, elevado


Outra vez en NaDo; outra vez padal, papilas, cerebro traballando arreo para absorber todo o que alí acontece.

Desta vez, a boga: peixe azul desprezado, pero que ben tratado na grella non é menos que os seus curmáns máis habituais. Tamén a raia: desespiñada, no meloso ponto certo, cunha meuniere impecábel. Ou as berzas. Ou os mexillóns con chourizo.

O humilde, elevado. O que non o é, tamén: vieiras con holandesa, xa un clásico; unhas ostras de Redes gordas, carnosas, con ese escabeche morno; a centola , en filloa torrada. E o flan para rematar, claro.

Na copa, As Londras maceración carbónica, mencía e garnacha tintureira da beira do Miño na Ribeira Sacra.

Boga ou centola, raia ou vieira: pouco importa se quen as cociña é Iván Domínguez.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios