Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Recuncando en Casa Gaibor (Guitiriz, Lugo)


Pásame cos sitios que visito decote. “Bah, hoxe non vou postar, que xan van varias”. Porén, saco igual fotos. E logo resulta que a cousa está tan ben que coido que sería inxusto deixala ao esquecemento, ao efémero das historias.

Como hoxe en Casa Gaibor. A fluidez suave da croqueta de pescada co tartar de gamba; o mar dos berberechos XXL; a tersura do choco na tinta; a mordida do salmonete.

Por riba, os primeiros espárragos: con chícharos, dourada, holandesa e ovas. E os fabóns, os ourizos, ese fondo-crema dos propios ourizos e xema. Soberbios: sempre culler en Gaibor.

Non bebemos mal, tampouco: a caíño tinto de Eulogio Pomares de garrafa condutora. Con algunha cousa máis que foi sacando Adrián.

Pero por riba do por riba: Ofe, Carmen, David, Adrián, Antón. A xente. Casa Gaibor, con casa en maiúsculas.

Comentarios