Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Un ano despois, verdinas en Casa Gaibor (Guitiriz)


Sempre lembrarei a data da miña primeira vez en Casa Gaibor porque era o Día de Galicia. Hai case, case un ano. E hoxe, coma entón, verdinas con chipirón.

Só un ano. Pero hoxe o guiso tiña un puntiño máis fino, as verdinas de La despensa de lujo ao dente; o chipi de Pescados Rabina agora á brasa, impecable. Evolución, que non desas revolucións innecesarias, imprecisas, apuradas.

Berberechos, mexillóns, broa con anchoa, un choco en tinta magnífico. A carne branca e tersa da palometa vermella dá boa idea da man cos puntos, igual que a vaca de Carnicas Eurogal.

E no líquido, da man de Adri, do Ribeiro ao Priorat, do Mosela a Alicante, de Monterrei ao Penedés.

Amodiño, tentando afinar cada cousiña. Antón tenno moi claro. E que bo que o teña!

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios