Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Magoya (A Coruña): a diversidade da grella


Ultimamente, tendemos a reducir os asadores ao chuletón: que se esta ou estoutra raza, que se tantos días de maduración, que se este ou aquel fornecedor, que se tal nivel de infiltración. E, dacordo, é a estrela: en lugares onde se achegan á perfección, como Divino Steakhouse, todo o demais pasa a un segundo plano.

Pero cando falamos de grella e de carne, o mundo é moito máis largo (e, lembrade: morei doce anos en Sudamérica). Seica esa é a principal virtude de Magoya, presentar múltiples opcións – tanto de carne como de vexetais – para poder facer un percorrido ben variado desde a entrada até a carne final.

Foi o que fixemos aproveitando que eramos seis na última visita. Pola mesa pasou a cecina, a morcilla, o chourizo crioulo, as sobranceiras moelas. Tamén, agradábel sorpresa, unha La empanada viajera de vacío. Veu o chuletón, claro: quilo e medio de rubia galega, desta vez no punto certo – mágoa que me despistei para a foto. E, con el, chegaron os vexetais, case pratos en si mesmos (eu serviríaos con menos mollo): pementos asados, boniato e uns moi bos porros con manteiga de trufa e panceta.

Agora oficia na sala o grande José Antonio. E claro, o viño pasa a ser outro punto forte: un albariño vello para as entradas – Lagar de Pintos Pie Franco 2015 – e unha sedosa syrah do Ródano para rematar ao grande.

Viño, brasa, grella, todo o abano das carnes, da moela á entraña. Iso é o que ofrece Magoya. Non é pouco, desde logo.

Comentarios