Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

O valor do local na Artesa da Moza Crecha (Betanzos)

Imaxe
A vista de Betanzos desde a Praza da Eira Vella é ben chula (última foto do post): o Mandeo, as barcas varadas, as galerías, as casas amoreadas por tras da rúa da Cerca. Tanto que ten un cadro de seu, coido que “Las tres barcas” de Francisco Lloréns. Uns poucos metros á dereita está a Artesa da Moza Crecha , que non pode ser máis coherente con esa postal na súa clara aposta polo territorio e a identidade: moito produto da Reserva da Biosfera e, por suposto, unha carta ben chea – xa na primeira páxina – de viño de Betanzos, mesmo cunha maridaxe construída só con el. Nós fomos cun Ramallo de Pagos de Brigante, para saírmonos das escollas habituais. Era a primeira vez: non dubidamos en escoller o menú longo. Vin unha cociña con moita intención, con gañas de contar cousas en cada prato. Eu quedo coas propostas menos complexas, máis directas: co intenso sabor do pisto que acompañaba o peixe (ou era ao revés), coa melosa faceira e o repolo, co ovo con patacas e chourizo, co petisco de sa...

Gunnen (A Coruña) consolídase, voa!

Imaxe
Xa marcharan as outras dúas mesas e Chechu levaba un anaco sentado á nosa. Falabamos daqueles vellos tempos do Agar Agar na Corveira, do xantar que se nos ía escapando co café, do que está aínda por vir. Nós sorríamos porque viñamos de comer mooooi ben. Chechu sorría porque, mesmo sen expresalo con palabras – el é así –, sabe ben as cousas que está facendo. O nivel que xa ten Gunnen . Gunnen, en neerlandés, é esa ledicia xenuína, sincera polo ben dos demais. É ledicia compartida: polo que un cociñeiro atinxe; por ver como o seu novo proxecto se consolida, voa; por comprobar que uns clientes de moitos anos gozan cada vez como se fora a primeira. Pensaba eu, durante esa conversa, que nunca vira un nome mellor posto a un restaurante. [E carallo se comemos ben. Ese prato de navalla, como me dicía alguén hai pouco, xa se gañou o seu posto no receitario galego de hoxe. Magníficos tamén os chícharos, a lura con lacón e trufa, as fabas lobas de Trives con grelos, os ourizos ou a berza...

Balarés (Ponteceso): día de luxo no final do inverno

Imaxe
Finais de marzo. 21 graos. Nubes altas suavizando o sol. Mar cabreado, ondas no Roncudo. Día de luxo no final do inverno. Despois dun paseo pola costa de Corme, o comedor acristalado de Balarés Hotel : os piñeiros e o azul do mar de fondo. Mexillóns en escabeche suave, albacora marinada con mollo de tomate. Unhas monumentais lentellas con cigalas. E un pargo aínda máis monumental, maiúsculo. Sobremesas, entre elas unha torrija con pan de barra, nada de brioche. A cociña de Silvia Facal é delicada, solvente e elegante, como solvente e elegante é Rafa na sala. Engádase o entorno e o produto: a suma sae soa. Ver esta publicación en Instagram

Malpica é porto, ondas; con Material, tamén é lume

Imaxe
Doutra volta en Malpica, doutra volta en Material , gozando dese lume que apaxa, que aloumiña. Hoxe foron uns chícharos bágoa con panceta e ovo, uns berberechos XXL (polo menos!) e un fantástico coruxo - xa sabedes: carne branca, tersa, brillante, zumegante - acompañado de pementos, porro e boniato. Na copa, o 200 Cestos de A Coroa á altura. Malpica sempre ten sido postal mariñeira, ondas batendo. Agora, tamén é lume. Ver esta publicación en Instagram

NaDo (A Coruña): o humilde, elevado

Imaxe
Outra vez en NaDo ; outra vez padal, papilas, cerebro traballando arreo para absorber todo o que alí acontece. Desta vez, a boga: peixe azul desprezado, pero que ben tratado na grella non é menos que os seus curmáns máis habituais. Tamén a raia: desespiñada, no meloso ponto certo, cunha meuniere impecábel. Ou as berzas. Ou os mexillóns con chourizo. O humilde, elevado. O que non o é, tamén: vieiras con holandesa, xa un clásico; unhas ostras de Redes gordas, carnosas, con ese escabeche morno; a centola , en filloa torrada. E o flan para rematar, claro. Na copa, As Londras maceración carbónica, mencía e garnacha tintureira da beira do Miño na Ribeira Sacra. Boga ou centola, raia ou vieira: pouco importa se quen as cociña é Iván Domínguez . Ver esta publicación en Instagram

Buxo Taberna (Cambre): palabras maiores a poucos minutos da Coruña

Imaxe
Líalle a Dani Carballeira hai uns días que Buxo Taberna (Brexo, Cambre) era a descuberta do ano, do século. Vindo de quen ven, reservei inmediatamente. Hoxe, domingo de sol - por fin! -, os callos na terraza apontaban maneiras. E, cinco minutos na mesa, falando con Iván sobre os sólidos e os líquidos, xa sabiamos que aquelo ía dar certo: o tipo estudou co grande Antón Castro , de Casa Gaibor , e a conversa de viños amosaba criterio, moito criterio. Moitísimo criterio. Nós pedimos. E Iván sacou o paté de campaña con vinagreta e piparras, tamén as croquetas: ollo que estou aquí. Despois o xurelo marinado con tapenade e allo negro, as alcachofas con guanciale e xema no seu ponto certo, o steak tartar cun aliño presente pero non invasivo. As palabras maiores chegaran coa monumental empanada de cocido. Monumental. E coa robaliza, difícil en beurre blanc, na cocción precisa. O lagarto, graxo pero xuguento, pechou a modo de sobremesa salgada. O do líquido daría para un post enteiro...

Ríos O Freixo (Outes): o escacho como estrela

Imaxe
Outro xantar deses en Ríos O Freixo (Outes). Dos de produto do mar en estado puro, tratado co máximo respecto, case diría que coa máxima admiración. A estrela da tarde foi un escacho ou rubio, con certeza non un dos peixes de máis nome, pero que ben asado no forno amosa unha carne branca, fina, tersa, sabedeira. Non o tiña doado: antes chegaran as ameixas rubias, os carneiros ao natural, as cigalas, o carpaccio de gamba. Rivais de altura, pero aínda así. O líquido non ficou atrás, porque a escolma de viños é ben potente. É unha marabilla poder acompañar un xantar tan galego con varietais de lado e caíño longo, Ribeiro da Arnoia de Mauro Estévez e Ribeira Sacra de Quiroga de Atrium Vitis , respectivamente. Formidábeis ambos os dous. Peixe humilde elevado a estrela, viños que non precisan gritar para expresar Galicia. O oficio de Ríos O Freixo fai del un lugar onde o importante segue sendo importante, algo cada vez menos frecuente. Ver esta publicación en Instagram

Crónica dunha previa en Salpica (A Coruña)

Imaxe
3:10 – Ímoslle á previa a Salpica !! 13:25 – Oes, Vanessa , hoxe temos o corpo de branco do Ribeiro. Que tes por aí? 13:35 – Carallo, está bo este godello con anos de Adegas Celme . Non o imos tomar só, non? Manolo , abre unhas ostriñas, porfa! Das planas, mellor. E xa que andas, trae uns mexillóns en escabeche. 14:10 – Estando aquí tan ricamente, eu diría que picamos algo máis e saímos xantados. Un par de cigalas á prancha, veña. 14:30 – Que probemos a pescada en tempura e o polbo? Dalle, ti vai sacando. 15:10 – Haberá que tomar algo de sobremesa, non? Pon aí uns camaróns, que eu non che son moito de doce. E algo de viño, que a botella do Celme tiña un buraco. 15:35 – Ben, unha copiña de tinto para pechar... Como prestan esas previas que viran en detallados estudos empíricos sobre o pracer do bo xantar e beber. Vivan os bares, vivan as barras!!!!! Ver esta publicación en Instagram