Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Alén do lumbrigante no Pirixel (Arteixo)

Imaxe
Teño falado por aquí do Pirixel , pero case sempre do que fan co lumbrigante: arroz e salpicón espectaculares. Obviamente, o restaurante é moito máis que iso. O domingo pasado, no medio do trebón (que ondas en Barrañán!), achegámonos tomarlle algo á brasa, todo do mar. Os berberechos e os mexillóns estaban no seu punto perfecto: estouraban na boca cun lixeirísimo arrecendo a fume. Non sei que me pasa ultimamente con berberechos e mexillóns, pero xa os poño mesmo por enriba dunhas boas ameixas que chegaran despois. Para o peixe, había robaliza, peixe sapo, pero fomos polo sanmartiño: sinxelo, ben cociñado, porque cando se manda ben na grella, non fai falla complicarse. Entón, con moi boa nota en lumbrigante e peixe á brasa, a próxima visita a este recanto da costa arteixá será a quenda das carnes. Non teño moita dúbida do resultado!!! Ver esta publicación en Instagram

Unha noite máis nese remuíño treboento que é Millo (A Coruña)

Imaxe
Cando chegou a vieira á mesa fixen unha viaxe no tempo a eses banquetes dos anos noventa. Centos de vieiras en enormes bandexas, recubertas de pan relado, cociñadas até o infinito – enxoitas, chiclosas – e empapadas nun mollo de tomate que lles quitaba o pouco sabor que alí puidera quedar. “Non pode ser”, pensei. E non era, claro. Porque estabamos en 2025, porque estabamos no Millo . A vieira estaba perfecta, case sen tocar, a cebola e o tomate ben integrados, a panceta dando o contrapunto. Xusto despois, outra volta de torca, outro tramo da montaña rusa. O cocido converteuse nunha cachucha prensada, envolta nunha costra crocante máis marcada que frita. Do lado, un pastel de nabizas. E todo aglutinado por un caldo deses. Un pratazo. Non eran só os pratos individualmente, tamén funcionou a secuencia. Porque despois da bomba anterior – graxa, potencia de sabor – a Pavlova e a súa carga cítrica facilitaran unha aterraxe tranquila no final da cea. Unha cea que comezara no mar, cun inte...

Revisitando a grella do Material (Malpica)

Imaxe
Comezamos o ano gastronómico, case como o pasado , en Malpica, nas grellas do Restaurante Material . Pargo e frisona galega, no punto axeitado. Antes, mexillóns en escabeche e ameixa rubia á brasa. O magnífico 200 Cestos de A Coroa na copa. Da igual que chova como chovía onte: hai que vir probar esta proposta. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

2024: os meus restaurantes do ano en Galicia

Imaxe
Chega o momento de lembrar aquí os restaurantes galegos que máis pegada me deixaron durante este 2024 que acaba de rematar. Non foi fácil escoller só uns cantos, até reducir o número a sete: poderían ter sido máis, pero entón este post tería pouco de escolma. Como sempre, non están todos os que son, pero coido que son todos os que están. 2024 foi, para min, o ano do lume, do fogo, da brasa. E aí o Asador O'Pazo brilla con luz propia: a versatilidade, a técnica, o control para apaxar por igual un lumbrigante, unha lura, unha vieira ou un chuletón. Falando de chuletón e de lume, Divino Steakhouse é unha mostra de consistencia abraiante, no produto e no punto milimétrico, perfecto, co que sempre sae a carne (e, ultimamente, non só a carne). Completa o trío do lume esa casona de pedra ás aforas de Pontevedra, Albanta , tamén a unha grande altura. O Salnés exerce como unha sorte de epicentro da gastronomía galega ou, polo menos, de concentración de restaurantes de nivel. E alí, no...

La Mesa de Conus (Vigo): moito máis que unha proposta diferente

Imaxe
Agardaban pacientes os pratos cos ibéricos a que os últimos comensais ocuparan as cadeiras libres na barra de dez – só dúas mesas adicionais – e a que as bebidas foran escollidas. Cando todo estivo pronto, Víctor Conus silenciaba a música e daba comezo ao menú, servido ao mesmo tempo a tódolos asistentes, cos xamóns e embutidos da empresa familiar e cunha señora croqueta. Volta a Galicia – todo á vista, todo na barra – con pratos construídos arredor do produto, onde os fondos e as salsas fan a diferenza: profundos, intensos, cheos de matices, protagonistas do menú da La Mesa de Conus ; o máximo expoñente, as fabas e o pilpil que envolvían ao mero, magníficos. Antes, unha versión en raviol do cocido, de novo cun fondo sobranceiro; igual de diferente a aproximación á vieira, cunha carbonara do seu coral, millo torrado e ovas de arenque; ou, claro, o porco: abanico con puré de castaña e mollo de carne. Eu, que son máis de salgado que de doce, agradecín moito que as sobremesas combi...

2024: As mellores aperturas en Galicia

Imaxe
Imos agora coas novidades, con aqueles restaurantes que abriron nos últimos meses e que xa foron quen de captaren a atención, a de moitos e a miña en particular. Vou falar, principalmente, da Coruña e arredores. Comezo con Pedra Furada , local moi preto da praia do Orzán, cunha cociña de produto ben voltada para o mar e a personalidade de Andrés Ariza manifestada en pratos que – apenas un ano despois de abriren – xa son clásicos, como a vieira con aliña de polo e coliflor. Outra das grandes novidades é, en realidade, un retorno. O de Chechu Rey , quen abría Gunnen en Matogrande aló polo inicio do verán. A paixón, as gañas e os pes na terra de sempre, cunha cociña que recolle toda a bagaxe de máis dunha década noutras ocupacións dentro da gastronomía. ¡Que ben que se vaian asentando as opcións xaponesas na cidade! A boa noticia do ano (en realidade, de finais de 2023) foi a apertura da pequena izakaya Caballa 14 na rúa Orillamar. Bo peixe, bo marisco, bo tratamento, mollos e ad...

2024: os meus restaurantes favoritos do rural galego

Imaxe
Sempre quixen facer listas, esas listas de fin de decembro que todo o mundo fai. Tras un ano de volta na terra, coido que, por fin, chegou o momento. E vou comezar polo que máis me chamou a atención nestes meses: ese agromar de proxectos no rural, lonxe das grandes cidades e do polo turístico das Rías Baixas. Talvez os máis extremos, por lonxe de todo, sexan O Secadeiro en Banzas (Outes) e Landúa en O Fieiro (Mazaricos): en ámbolos casos, un casal novo á fronte de todo e unha cociña de moito, moito nivel. Seguen os pasos de Roberto e Marta, que deixaran hai xa anos Pontevedra para abrir O Balado en Ardesende (Boqueixón), outro lugar que hai que visitar. Pisei moito a Costa da Morte. No centro de Malpica, Material traballa moi ben a brasa co imbatíbel produto do lugar; non lonxe, en Ponteceso, Rafa e Silvia comandan o Balarés Hotel , trasladando a súa solvencia da Coruña ás terras de Pondal, canda as queixumes dos pinos. En San Martiño de Arriba, vixiando Fisterra desde o alto, ...

Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): unha benvida novidade

Imaxe
Discreto, por tras da primeira liña de praia de Mera, nunha ruela protexida dos fodechinchos, atópase o cálido recuncho que é o comedor do Atelier de Amanda . Abriu hai pouco máis de seis meses nunha zona, Oleiros-Sada, que non está precisamente sobrada de opcións. Así que saímos de casa cun “hai que coñecelo” na cabeza e, a metade de xantar, xa estaba instalado o “hai que volver”. Porque a cousa está ben chula, tendo en conta ademais que é un proxecto aínda novo. Fomos polos mariscos nas entradas. Un sashimi de vieira co contrapunto dun aderezo un chisco picante, que lembraba ao pebre chileno; un notable salpicón de centola, con ese aliño neutro que non agocha o sabor do becho; e uns ourizos con velouté tostada moi bos. Acertados puntos e fondos sabedeiros nos principais: o mollo das súas espiñas e tinta coa robaliza, a crema de castañas coa presa (ben rosadiña, como ten que ser); tamén un lomo de vaca. Carta de viños curta con cousas interesantes, como o Casal de Armán Finca M...