Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

La Molinera (Lalín): os fondos e a memoria

Imaxe
Os que me ledes sabedes que hai unhas semanas pasei por OSA . Impresionoume, sobre todo polos fondos: densos, sabedeiros, colaxenosos, envolventes, melosos, longos. Dos que activan a memoria dos sabores, dos que tocan algo no miolo que che empurra a procurar esa mesma sensación noutro lugar. Xa desde esa noite quedei coa teima de volver a La Molinera. Hoxe foi o día. E alí estaban outra vez: untuosos, concentrados, profundos, suculentos; pegabeizos. O de xarrete co steak tartar. O das manitas con carabinero. O do morro coas patacas. Monumentais os dous primeiros. Oficio tamén nos máis leves, nos máis frescos: os pementos do xurelo, o escabeche da ventresca. Un flan deses para rematar. Non cociña mal Moli , non. Tampouco ten mala adega: o champagne de Adrien Dhondt foi o contrapunto certo aos pratos. Curioso o da memoria. Lévache dun xantar ao seguinte sen pedir permiso. Converte episodios illados en capítulos dunha mesma historia. Concentra sensacións, como un fondo ben feit...

Nova visita a Izakaya Hokuto (A Coruña)

Imaxe
Nova visita a Izakaya Hokuto , xa en plena forma cuns meses de rodaxe trala reapertura. Puxémonos, coma sempre, en mans de Carlos e saiu a coñecida secuencia sashimi/usuzukuri, interludio de cociña e nigiri para finalizar. Non vou escribir moito desta vez: coido que as fotos son elocuentes. Só destacar os nigiri de peixe azul (xurelo, xarda, sardiña), agora que se achega o seu mellor momento; a caldeirada e o mollo verde que temperaban o cabracho e a pescada; a parella magnífica dos últimos chícharos bágoa co toro; o sabedeiro que pode ser algo tan simple como un nigiri de ovo fritido. Que sorte temos na Coruña de ter tres xaponeses de nivel: a ortodoxia e a técnica de Omakasé Sushi Bar , a fusión e a versatilidade de Izakaya Hokuto , e a creatividade e personalidade de Caballa 14 . Moita sorte. Ver esta publicación en Instagram

Lourido (Poio): cigalas XXL e berberechos moi escasos

Imaxe
Poñía na carta: “Cigala XL”. Xusto debaixo: “Cigala XXL”. E un pouco máis adiante: “Berberecho seleccionado (moi escaso)”. Claro, les iso e ¿que vas pedir? E viñeron as cigalas XXL. E viñeron os berberechos moi escasos. As unhas - gordas, enchendo a boca - coa tersura da carne cocida como ten que cocerse; os outros co estourido no padal. Gozamos todo o sabor das rías namentres ollábamos para a de Pontevedra a través da fiestra do Lourido Despois chegou o rodaballo ao forno con esas pataquiñas que lle compiten (si, son tan boas as patacas galegas que, ben asadas, compítenlle até a un rodaballo). E todo o tempo, na copa, o Do Ferreiro Cepas Vellas de Gerardo Méndez : toma máis ría! (Grazas José Basanta pola recomendación. Non houbo espazo para os choquitos: perfecta escusa para planificar a seguinte!) Ver esta publicación en Instagram

Timón Bar (Ferrol): sobrasada e palo cortado de sobremesa

Imaxe
“Oes, Dani, a miña nai e máis eu non somos moi de doces. Podería ser de sobremesa unha taboíña desas de Maldonado, cun xereciño para acompañar?” O tipo tentou evitar o sorriso de complicidade, pero non o conseguiu. Un anaco despois chegaban os embutidos, incluída unha tremenda sobrasada con mel e un non menos tremendo palo cortado de 20 anos de Hidalgo La Gitana . Complicidade, informalidade, pasalo ben. Diso vai, en boa medida, o Timón Bar . Pero non sería dabondo se non houbera a cociña que hai. Antes da sobremesa salgada chegaran o salmón marinado e as anchoas con manteiga; chegaran os callos cósmicos de Cosmik e o steak tartar; chegaran os peixes: a dourada e o salmonete. Chegaran cousas ben boas. E claro, logo está Dani Carballeira cos seus viños. A botella condutora foi un Alma de Mar de Albamar , ben acompañada por algunhas copas máis que foron caendo. Un sorriso, uns embutidos e un palo cortado de insospeitada sobremesa: boa escolla e bo xeito de explicar o Timón ...

Millo (A Coruña): outras regras

Imaxe
Máis un día nese recuncho de espontaneidade e eclecticismo que é Millo . Que ricos, que frescos, que bonitos, que de verán os boqueróns nórdicos coas brevas e as peras. Que sabedeiro, intenso, precisamente picante o guiso de riles con patacas e ovos. Que bo revisitar os clásicos: ensaladilla, pappardelle. Que conxunto o do hummus, a oliva ascolana, o ovo e o cogombro. Que peche o tiramisú. Na copa, merenzao do Jura. Que menos!!! Podería semellar que en Millo non hai regras. Eu coido que, simplemente, son outras: as de Moncho . Ver esta publicación en Instagram

OSA (Madrid): unha aldea gala no Madrid gastronómico

Imaxe
Tíñalle moitas gañas a OSA , unha desas poucas aldeas galas do Madrid gastronómico que fan fronte á deriva dubaití imperante, xunto co team “pes no chan”. (Precisamente onte, marabilla de entrevista a Marian de Taberna Verdejo en El País Gastro ) Hai que achegarse á beira do Manzanares, afastarse do centro, até unha preciosa casa cun pequeno patio e unha moi acolledora adega/espazo de maduración no piso superior. E deixarse levar, especialmente se optas polo menú XL: longo, require curiosidade e resistencia, pero é a mellor maneira de entender o que saben facer alí. Abre a cousa con varios pases de charcutaría, un dos sinais de identidade de OSA: orella de Lalín ♥️ e consomé; pescozo de galo, lingua escarlata, máis porco. Porén, o que máis me sorprendeu veu despois: unha sucesión de guisos/fondos/produto con momentos de nivel altísimo. A demiglace coa traseira do coello e fabiñas; o choco da Ría na súa tinta (manda carallo, un galego dicindo isto); un monumental prato da espar...

Taberna Beade (Paderne): para peregrinarmos todos

Imaxe
Fomos ao berce mesmo, ao lugar de Samede, concello de Paderne. Só houbo que cruzar a estrada para pasar da adega Ribeiras de Armea á taberna familiar, Taberna Beade . Honestamente, a miña expectativa era só gozar dos viñazos da adega e comer unha boa carne asada. Carallo, afortunadamente andaba moi errado. Xa desque chegou o pincho de tripas a cousa anunciaba xeitosa. E cos berberechos - tamaño, punto - sumiu calquera dúbida. Navallas, polbo e un listado con patacas e tomate sobresaínte. Logo as carnes: rabo e, sobre todo, un xarrete dos que se desfai e unhas pataquiñas das que case nin mastigas. E aínda a sorpresa final: tremendo flan. Bebemos, claro. Unhas copiñas do branco. Unha botelliña, outra máis, da roibal. O ancestral feito con amigos. Até unha sidra. As marabillas que fai Jose e que serve sen darlle importancia ningunha. Humildade extrema, humildade de crack. Para peregrinarmos todos a Paderne. Ver esta publicación en Instagram

Un día máis, mar en Salpica (A Coruña)

Imaxe
Pon aí uns berberechos, Manolo, que están ben gordos. Rico o Agás do Tempo. Vai ben coas gambiñas vermellas. As minchas veñen con okupa. Bo o frito dos camaróns brancos: están pedindo unha copiña de espadeiro, Vanessa. Empanada e ensaladilla, claro. Ostras de sobremesa: das chás, das chás, que saben máis. Un día máis, mar en Salpica Ver esta publicación en Instagram