A volta de Izakaya Hokuto (A Coruña)
“A poucos metros do Campo da Leña, agochada entre horríbeis moles de ladrillo e formigón, resiste unha pequena mazá de casiñas cun xardín central, agardando con paciencia a que o progreso a leve por diante: o Campo de Artillería. Nese escenario, poucas cousas resultan máis naturais ca unha taberna.”
Así comezaba a falar da Izakaya Hokuto hai dez anos, cando abría na Coruña o pequeno local que daba acubillo ao proxecto de Carlos Pérez: apenas unha barra para oito ou dez comensais e algunha mesa. E, como en todo bo restaurante xaponés, unha carta de técnicas: o produto é o mellor dispoñible en cada momento.
Bastantes anos tralo seu peche, hai apenas unhas semanas, recibimos a boa nova da reapertura. E, unha década despois, alí segue o mesmo espírito: preparacións clásicas xaponesas – sashimi, usuzukuri, sushi, teriyaki; apenas uns dumplings sáense da ortodoxia – co toque persoal nos temperos que dá o pasado de Carlos en Kabuki.
Seica onde mellor se aprecia isto último sexa nos sashimi e usuzukuri, que abrirán a cea ou o xantar se – como deberías facer – deixas as cousas en mans de cociña: a caldeirada co bicudo ou a pescada, nada habitual nestas preparacións. Ostras, xurelo en teriyaki, atún picante sobre onigiri. E, para pechar, os nigiri: salmonete, os cortes do maguro, un xurelo espectacular. Sempre, na parte doce, a torrija.
A carta de viños, aínda en construción, xa permite atopar cousas como o Pepe Luis de Albamar.
En fin, estamos en tempos de modas, de apostas efémeras, de mudar axiña para o seguinte hype, de homoxeneidade. Tempos nos que a reaparición dun lugar como Izakaya Hokuto, cunha proposta case intemporal, é unha boísima nova.

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...