A Serra (Narón): ¡non vos fiedes dos sinais!
Viñamos de gozar da vista da fervenza do Belelle cando batemos cun sinal que indicaba o miradoiro do Coto de Ancos a tan só un Km. Comprobamos tres cousas: que a sinalización é moi mala (si, concelloneda, fáganlle caso aos veciños!); que o Waze (que puxemos demasiado tarde) ten serias limitacións coas corredoiras e o rural galego en xeral; e que eu, como condutor, teño tantas ou máis limitacións aínda (véxase a última foto).
A cousa é que, tarde, mal e arrastro (grazas pola paciencia, Dámaso), conseguimos chegar a Pedroso, a A Serra. E alí esquecemos axiña o atropelado da viaxe.
En particular, as orellas á feira. ¡Que orellas! Melosas, sabedeiras, cun mollo xelatinoso deses. Molou moito tamén o bikini, con lacón ben torradiño, queixo de Arzúa e xema de ovo. E as croquetas de lura coa súa tinta. Caeron tamén callos ao forno e un bo steak tartar de pre-sobremesa, abrindo paso á sorprendente porén rica croqueta de torrija con xeado de pistacho para pechar.
Na copa, un clásico: o Lalama de Dominio do Bibei.
Un moi bo plan para un día por Ferrolterra: Belelle. Coto de Ancos e A Serra. ¡Pero non vos fiedes dos sinais!

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...