NaDo (A Coruña): somos o verán, irmao

Imagen
Se David Mella traballara en NaDo diría: “Somos o puto verán, irmão”. Verán xantamos hoxe. Bonito, tomate, boquerón, escarola, sardiña*, pementos de Padrón, mexillóns, lumbrigante... Mola a nova estrutura de menús de NaDo. Hoxe foron os grandes clásicos - caeu a vieira con holandesa, por suposto; e, por suposto, tamén o flan - e peixe á grella para rematar a función: un tremendo rodaballo que ben podería ter sido un ollomol. Bos viños na carta: escollemos o fantástico Acios da Xesteiriña e unha pineau d’aunis do Loira, Galicia en Francia. Dicía Iván Domínguez : “Como non me decatara antes.” Iso, como non se decatara antes... 😉 (*) Mira que son pouco de gilda, pero esta... Ver esta publicación en Instagram

OSA (Madrid): unha aldea gala no Madrid gastronómico


Tíñalle moitas gañas a OSA, unha desas poucas aldeas galas do Madrid gastronómico que fan fronte á deriva dubaití imperante, xunto co team “pes no chan”. (Precisamente onte, marabilla de entrevista a Marian de Taberna Verdejo en El País Gastro)

Hai que achegarse á beira do Manzanares, afastarse do centro, até unha preciosa casa cun pequeno patio e unha moi acolledora adega/espazo de maduración no piso superior. E deixarse levar, especialmente se optas polo menú XL: longo, require curiosidade e resistencia, pero é a mellor maneira de entender o que saben facer alí.

Abre a cousa con varios pases de charcutaría, un dos sinais de identidade de OSA: orella de Lalín ♥️ e consomé; pescozo de galo, lingua escarlata, máis porco.

Porén, o que máis me sorprendeu veu despois: unha sucesión de guisos/fondos/produto con momentos de nivel altísimo. A demiglace coa traseira do coello e fabiñas; o choco da Ría na súa tinta (manda carallo, un galego dicindo isto); un monumental prato da espardeña cos seus peles e o fondo pegabeizos; a bullabesa potenciando un peixe sapo no punto exacto; a orella-coláxeno-fume, nome que non podía ser máis descritivo; os garavanzos con rabito. Mais tamén a tempura do salmonete, a textura do pemento morrón, a melosa faisana...

A carta de viños está á altura. Varrida para casa de entrada, coa Escuma de Eiravedra de Iago Garrido. E despois, xa liado con Alfredo, unha pinot de Simon Bize desas que son pura elegancia.

OSA desafía, esixe. Por produto, por preparacións, por intensidade, por saírense dos camiños máis trillados. Iso xa sería dabondo para celebrar nun panorama cada vez máis uniforme. Pero, ademais, faino cunha cociña sabedeira e moi afinada: un menú case sen fisuras e dous ou tres momentos que ficarán na memoria por moito tempo.

Comentarios

Entradas populares

¿Dónde tomarse un buen gin tonic?

Restaurantes coruñeses: ranking 2008

¿El mejor asador de Coruña?