Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): fixémoslle caso ao faro
Teimando en comer, beber e contar
O Ribeiro está esmorecendo. Os vellos están cansos, non hai relevo xeracional. Menos hectáreas cultivadas, prezos da uva que baixaran outra vez, viñas abandonadas. Os grandes só pensan no que está de moda, no volume, nun contexto de descenso do consumo; poucos viticultores apostan polas castes tintas, polo que pide e cada vez máis pedirá o Ribeiro, pola orixe, pola terra.
Non é só cousa do Ribeiro. En Rías Baixas, a histórica colleita de 2025 ten botado os prezos polo chan (¿quen o tería imaxinado?). Galicia non ten política vitivinícola, de feito ten o contrario: foco en produción e volume, sen pista de patrimonio, historia, valor, orixe, territorio, calidade.
Entón, a xente deixa as aldeas, ninguén coida as leiras, os montes, a viña. As consecuencias xa as vivimos este verán.
Por iso o que fan os pequenos viticultores, colleiteiros, adegueiros que si pensan na calidade, en facer un viño que conte a terra, é un acto de resistencia. Por iso o que fai Boas Vides é un acto de resistencia. Por iso o que fan distribuidores, locais, sumilleres que apostan polo bo viño galego é un acto de resistencia. Por iso a Xuntanza do pasado sábado en Rodolfus foi un acto de resistencia.
E para nós – os consumidores que cremos moito nisto, os que chamamos aos produtores polo seu nome de pila, os que cremos que o viño galego pode ollar á cara a case calquera outro no mundo – falar longo e tendido con Boas Vides, comprobar como os seus viños evolúen (puidemos catar do 2017 ao 2022), acompañalos con boa comida, tamén integramente galega, é un acto de resistencia. De pracenteira e moi necesaria resistencia.
Ver esta publicación en Instagram
Comentarios