Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Colleitadas

Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): fixémoslle caso ao faro

Imaxe
Seica o faro de Mera e a Torre de Hércules levan décadas laretando dun lado ao outro da ría, coma dous vellos sentados en bancos distintos dun mesmo paseo. Hoxe, sol de novembro e día de primavera, ouvíanse ben. A Torre presumía de cidade, de rúas e de xente. O faro, máis calado, apuntaba cara a terra, a unha Mera case baleira, onde fumega a cociña do Atelier de Amanda . Fixémoslle caso ao faro. Dos xa coñecidos, o sashimi de vieira chegou desta vez morno: gosto máis desta versión de outono; a carbonara de migas, ovo, San Simón e chourizo segue a ser un pratazo. Chourizo tamén nas novidades, con castañas nas croquetas, mellores que as de queixo; estupendo o allo branco con sardiña e algas que traía o mar enteiro dentro. Como o traía o sargo de Pescados Rabina cun fondo de patacas de Coristanco. A sobremesa (remolacha, limón e froita da paixón) gañou a miña atención: novidade! O Bierzo tamén quixo sentar á mesa: Ultreia Rapolao de Raúl Pérez . Novembro, sol, mar, paseo e unha bo...

Os vellos novos clásicos de Gunnen (A Coruña)

Imaxe
Chechu Rey achégase á mesa e fala moito, fálacho todo, pero faino cunha proximidade tan limpa e tan sentida que desarma. Non lareta, non. Alí non hai poses nin misterios: hai un tipo que as ten pasado canutas, un tipo cun talento salvaxe que che debulla calquera técnica cun aceno, coma se fose o máis natural do mundo. En realidade, nesa mesa, a complicidade non pide grandes discursos. Recoñécese na ledicia compartida (o Gunnen xenuíno) ao volvermos gozar dos vellos (porén novos) clásicos da casa. As navallas, xa patrimonio do noso padal, ou a lura á carbonara teñen a precisión da cociña ben feita que non precisa mudar. Son pratos que un saúda cun sorriso lene, coma quen atopa un amigo de sempre no camiño. Ao seu carón, agroman tamén propostas novas: desta volta, as máis sobranceiras, o lumbrigante en varios tempos ou as pochas. Non hai neles balbordo nin fogos de artificio; hai o acerto milimétrico de quen domina o oficio e sabe ben o que traza. Ambos van pedindo o seu oco na memo...

Mesón do Campo (Vilalba): transición de estacións na Terra Chá

Imaxe
Chega o outono, pero o verán aínda non da rematado. Xa hai cogomelos e caza, pero aínda temos figos e bonito e os últimos pementos e tomates. Non sei canto máis vai durar o planeta. Namentres, imos gozar do que hai. E, se é principio de outono, onde mellor que na Terra Chá. E, se é na Terra Chá, que lugar con máis sensibilidade polas estacións que o Mesón do Campo . Boletus e avelá, albóndigas de corzo e níscalos, figos e romesco branco, ravioli recheos de lumbrigante, foie, berberechos de Muros, queixos. Transición de estacións, territorio, cociña de sempre. Unha adega descomunal. Un champagne de Nowack , tinto da Ribeira Sacra, amontillado con moitos anos. O que ti queiras. Como di o cartel da mesa do espello: ledicia. Ver esta publicación en Instagram

O nigiri galego do Buxo Taberna (Cambre)

Imaxe
“Velaquí o nigiri galego”, sorría Iván, retranqueiro. Na fontiña de madeira, broa torrada, un pouquiño de tomate e sardiña grellada só pola parte da pel. Nas proporcións certas, ademais: moito máis peixe que pan. Certo, era unha tosta de sardiña, pero non outra tosta de sardiña. E iso é o que mola tanto do Buxo Taberna : un bar de vila, un bar de estrada que consegue darlle unha voltiña ás cousas sen que deixen de ser elas mesmas. E faino con moi, moi boa man. Antes, ¡benvidos cogomelos!, paté de campaña con cantarelas e angulas de monte á carbonara. Despois, un magnífico peixe sapo fritido (a carón da xanela, nun mediodía solleiro, esa carne branca e brillante case hipnotizaba) con mollo de cigalas e allada; e un arroz con polo da casa de verdade. Pedía branco vello ese xantar e alá foi un Gravonia 2016, porque a carta de viños é desas. Seica Iván non andaba de brincadeira co nigiri. Igual estaba simplemente explicando o Buxo: unha casa na que a personalidade pode vir nunha fo...

Pensión Marbella (Muros): nomes dos que desconfiar, recomendacións das que fiarse

Imaxe
Descíamos por Paxareiras no medio dunha brétema mesta: non se vía un carallo. O Corsa gris de diante ía a 30 como moito. Eu pensaba: ¿que fago aquí indo para un sitio que se chama Pensión Marbella ? Pensión Marbella. Hai combinacións de palabras que parecen deseñadas para me escorrentar, polo menos gastronomicamente. Pensión xa soa a cousa de paso, e Marbella á antítese de Galicia: ostentación, opulencia, ver e ser visto, coches grandes e prezos aínda máis grandes. Pero os que me dixeron que fose saben do que falan. E un aprende, co tempo, que hai nomes dos que desconfiar e recomendacións das que fiarse. Muros, vila garbosa, pero o día non axuda. Pincho nos soportais e imos aló. Sae David tomar a comanda e todo muda, néboa e choiva aínda fóra. Longueiróns tamaño diplodocus deixados no ponto certo. Lumbrigante azuliño, carnoso. Robaliza co alliño e o aceite que precisa, branca e tersa, sabedeira. Pataquiñas. Na copa, o Cíes 25 de Rodri Méndez . Só semanas na botella, pero xa...

2025: os meus restaurantes do ano en Galicia

Imaxe
Ben, toca facer balance do ano e lembrar, glosar os restaurantes que nolo fixeron pasar tan ben en 2025. Neste post, os galegos. [Nota metodolóxica: para non ser repetitivo, só vou poñer dez lugares que coñecín nos últimos doce meses. Os destacados do 2024 tédelos neste outro post .] Tres foron os que me deixaran dese xeito que mola moito, abrindo a porta para saír á rúa e pensando: “Carallo, o que aconteceu aquí!”. O Ceibe , tanto que houbo que recuncar e voltar novamente a Ourense; o Ríos O Freixo (Outes), tremendo material, sólido e líquido; e o Casa Gaibor (Guitiriz), para ficar alí horas e horas agarrado a un culler. Foi ano, como o anterior, de percorrer vilas, especialmente costeiras. Gustoume moito o Nordestada (Portosín): saben o que fan por alí; a Taberna do Bico (Camariñas) é tamén do Team produtazo & viñazo; e en D'Leria (Carril) consiguen saírse dos lugares comúns mantendo os pés no chan. Agora de volta ás cidades. La Mesa de Conus (Vigo) coñecino nos...

2024: os meus restaurantes do ano en Galicia

Imaxe
Chega o momento de lembrar aquí os restaurantes galegos que máis pegada me deixaron durante este 2024 que acaba de rematar. Non foi fácil escoller só uns cantos, até reducir o número a sete: poderían ter sido máis, pero entón este post tería pouco de escolma. Como sempre, non están todos os que son, pero coido que son todos os que están. 2024 foi, para min, o ano do lume, do fogo, da brasa. E aí o Asador O'Pazo brilla con luz propia: a versatilidade, a técnica, o control para apaxar por igual un lumbrigante, unha lura, unha vieira ou un chuletón. Falando de chuletón e de lume, Divino Steakhouse é unha mostra de consistencia abraiante, no produto e no punto milimétrico, perfecto, co que sempre sae a carne (e, ultimamente, non só a carne). Completa o trío do lume esa casona de pedra ás aforas de Pontevedra, Albanta , tamén a unha grande altura. O Salnés exerce como unha sorte de epicentro da gastronomía galega ou, polo menos, de concentración de restaurantes de nivel. E alí, no...