Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): fixémoslle caso ao faro

Imaxe
Seica o faro de Mera e a Torre de Hércules levan décadas laretando dun lado ao outro da ría, coma dous vellos sentados en bancos distintos dun mesmo paseo. Hoxe, sol de novembro e día de primavera, ouvíanse ben. A Torre presumía de cidade, de rúas e de xente. O faro, máis calado, apuntaba cara a terra, a unha Mera case baleira, onde fumega a cociña do Atelier de Amanda . Fixémoslle caso ao faro. Dos xa coñecidos, o sashimi de vieira chegou desta vez morno: gosto máis desta versión de outono; a carbonara de migas, ovo, San Simón e chourizo segue a ser un pratazo. Chourizo tamén nas novidades, con castañas nas croquetas, mellores que as de queixo; estupendo o allo branco con sardiña e algas que traía o mar enteiro dentro. Como o traía o sargo de Pescados Rabina cun fondo de patacas de Coristanco. A sobremesa (remolacha, limón e froita da paixón) gañou a miña atención: novidade! O Bierzo tamén quixo sentar á mesa: Ultreia Rapolao de Raúl Pérez . Novembro, sol, mar, paseo e unha bo...

2025: os meus restaurantes do ano en Galicia


Ben, toca facer balance do ano e lembrar, glosar os restaurantes que nolo fixeron pasar tan ben en 2025. Neste post, os galegos.

[Nota metodolóxica: para non ser repetitivo, só vou poñer dez lugares que coñecín nos últimos doce meses. Os destacados do 2024 tédelos neste outro post.]

Tres foron os que me deixaran dese xeito que mola moito, abrindo a porta para saír á rúa e pensando: “Carallo, o que aconteceu aquí!”. O Ceibe, tanto que houbo que recuncar e voltar novamente a Ourense; o Ríos O Freixo (Outes), tremendo material, sólido e líquido; e o Casa Gaibor (Guitiriz), para ficar alí horas e horas agarrado a un culler.

Foi ano, como o anterior, de percorrer vilas, especialmente costeiras. Gustoume moito o Nordestada (Portosín): saben o que fan por alí; a Taberna do Bico (Camariñas) é tamén do Team produtazo & viñazo; e en D'Leria (Carril) consiguen saírse dos lugares comúns mantendo os pés no chan.

Agora de volta ás cidades. La Mesa de Conus (Vigo) coñecino nos últimos dias de decembro do 24: entón xa fixera a lista, polo que non podía deixar de citalo aquí hoxe. Tamén coa barra como protagonista, o Anaco (Compostela) e a lembranza daqueles sabores limpos e nítidos de verán.

E dúas novidades que non son novidades: a reentré de Miguel González (Ourense), agora no centro da cidade; e a moi recente reapertura de Izakaya Hokuto (A Coruña), engadindo outra opción á xa moi interesante escena xaponesa herculina.

Para pechar, eu, que son de moito e bo viño, non podo deixar de mencionar os novos bares/tabernas/barras/tendas coruñesas ás que xa conto as visitas por ducias: Salpica, Rodolfus e Casa Surrey (que de nova ten pouco, pero desde que a descubrín en abril non deixo de frecuentar).

¡Carallo, non ficou mal a escolma!

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios