Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Casa Gaibor (Guitiriz): ¿quen precisa caviar?


Xa lestes, hai non demasiado, o moito que me gustou Casa Gaibor. En xeral, pero particularmente aquel guiso de verdinas con chipirón. Por iso hoxe, en canto vin a carta, sabía que esas lentellas con orella de porco e foie mi-cuit feito na casa ían ser unha pasada. Non me trabuquei, non. Viñan nunha cunca e meter o nariz nela foi un momento Anton Ego en Ratatouille. ¡Máis guisos así, por favor!

Acabados de chegar das vacacións, comparecen na carta algúns pratos máis traballados. As anchoas van sobre broa (debería ser obrigado!) e con manteiga de Airas Moniz. Os vexetais son protagonistas: en frío, os figos coa dourada cortada como usuzukuri; en quente, uns morróns - carnosos e sabedeiros - con cecina, galmesán e piñóns.

Aí segue o produto puro, claro. Iso non falta. Os berberechos, o sargo ao forno con esas patacas e ese pilpil.

Lentellas, orella, patacas, broa, figos, pementos. Se hai cociña dese nivel, ¿quen precisa caviar?

Deixámonos levar por Adrián para beber. Burbullas da Bairrada, merenzao de Navia, rosado da Ribeira Sacra, txacolí do Urdaibai, palomino e verdejo vallisoletano baixo velo flor, unha riesling de Mosela para os doces. Por se comer ben non abondara...

Entón, xa volvestes ler o moito que me gusta Casa Gaibor.

[Por certo, cando vaiades, se o facedes desde A Coruña, non collades a autovía: ide pola vella Nacional VI (négome a chamala Nacional 6), conducindo de vagar. Facédeme caso.]

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios