Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces seguen a...

D'Leria (Carril): a despensa arousá ben cociñada


Gustoume D'Leria. Nese pequeno espazo con media ducia de mesas e a cociña aberta á sala, atopei unha proposta ben cos pes na terra. Unha proposta que amosou dúas caras, as dúas moi solventes.

Propoñía o menú degustación, integramente do mar, dous tipos de pratos. Dunha banda, aqueles de produto puro, moi ben resoltos coa compañía certa para aportar algo sen distorsionar: as ostras, as navallas, o bonito.

Doutra, aproximacións diferentes - pero con sentidiño - a pratos clásicos, que resultaron para min o mellor do xantar (porén, os menos fotoxénicos). E polo mesmo motivo: o sabor. Fantásticas a ensaladilla - esa escuma de bonito - e o salpicón - berberechos, uva de mar -. Tamén pasaron pola mesa sargo en nori e mexillóns con pementos.

Na copa, o Amorodos de Atrium Vitis. Cada vez son máis de tintos dese perfil para acompañar menús: versatilidade, froita, frescor.

En fin, outra xanela máis para ollar ao mar de Cortegada mentres se dá conta da despensa arousá moi ben cociñada.

Comentarios