Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Salpica (A Coruña): moito máis que unha previa


Non ten tanto tempo aberto o Salpica, só uns meses. Teño ido moitas veces, pero sempre de previa. Un, se cadra dous, dos moitos bos viños que teñen por copa; ostras ou ensaladilla e listo o aperitivo: podemos ir xantar.

Erro. Estes tipos teñen material, moito: no líquido e no sólido. Tras deles, nin máis nin menos que Ríos O Freixo. E, mandando na barra, xente que sabe moito de viño.

Hoxe pintaba un domingo deses grises, de ficar na cama. Pero conseguimos saír: o corpo pedía picoteo informal e rico. Pedía barra e tallo.

"Imos tomar diso", díxenlle a Vanessa acenando para o expositor coas cunchas. E sacounos un Lugar da Balteira de Os Chaos: branco lexítimo, godello e un pouco de agudelo, do moito bo que fai Óscar en Betanzos.

Ostras do Eo, berberechos de Noia, volandeiras de Rianxo, camaróns de Lira, luras á prancha (non sei de onde, pero boísimas).

Mesmo con todo iso, a harmonía do día para min estivo clara: a acidez punzante do branco lexítimo e a gordura xelatinosa dos callos do Culuca. Tremendo. E se para mollar está ese pan - o miolo pegañento, acedo - de Santa Cruz...

Marchabamos, non sen antes escoitar a advertencia de Manolo: "a semana que ven comeza a tempada da centola." Xa o sabíamos, claro: agora sabemos tamén que haberá que tomarlle algunhas na barra do Salpica.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios