Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces seguen a...

Outra vez en Ceibe (Ourense): moito, moito que contar


Cando tomo un menú degustación, os extremos son o que menos me chama. No inicio, coido que os snacks adoitan ser intrascendentes, un preámbulo protocolar que aporta cada vez menos. No final, e isto xa é unha cuestión de gustos persoais, os doces interésanme moito menos que os salgados.

Porén, para falar da cea do outro día en Ceibe, teño que comezar polos extremos. Case sen tempo de nos sentar, os aperitivos chegaron como un directo á queixada, un “prepárate que aquí estamos nós”: pura intensidade nun groliño de caldo e nunha empanada - a masa desas, tan fina como sabedeira - de mexillón e chourizo ceboleiro.

Ao peche, tras tres boas horas, a sinxeleza fake da tona de Airas Moniz ela soíña, só cun culler de manteiga torradiña para darlle ese toque a avelá. Sinxeleza que é calquera cousa menos sinxela. Seica os italianos chámana sprezzatura.

Entre os uns e a outra, moito que contar. Alí seguían dous pratos cos que flipara a vez anterior: o polbo e a pescada, impecábeis. A moela coa lura foi o máis sobranceiro alén dos anteriores. Mar e terra tamén nas fabas de Lourenzá con boi; puntos precisos no mero ou no pichón; maxia co pemento que serviu de transición cara á sobremesa.

Ceibe xa me gustara moito na primeira visita, hai uns meses. Desta vez, confirmouse como un dos meus restaurantes de referencia en Galicia.

Comentarios