Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces seguen a...

Miguel González (Ourense): unha daquelas noites


Unha antiga drogaría en pleno centro de Ourense é, desde hai uns meses, o novo fogar de Miguel González. Teito alto, enormes fiestras, mármore, un chan deses que lembra decontado - aos que imos tendo unha idade - ás tendas nas que entrabamos de cativos das mans dos nosos pais: ultramarinos, farmacias, xastrarías.

Mobiliario, iluminación, cociña á vista aportan o contemporáneo á mestura. O local é estupendo, e ese contraste coido que ten bastante de declaración de intencións.

Porque a cociña que atopamos foi plenamente actual e mesmo así afundindo as raíces ben na tradición, no de arredor. Un triángulo entre as lonxas das Rías Baixas, no fondo tan perto; as hortas de arredor da cidade, nalgúns casos traballadas pola familia; e as augas termais de Ourense, presentes en curacións, infusións, coccións.

Avanza o menú, avanzan os pratos como un desafío entre o protagonista (sempre no seu punto: navalla, vieira, salmonete, robaliza, moela...) e os sabedores fondos, a horta e o monte (pataca, cabaza, millo, trufa...) moi presentes. Para pechar con ese ponche que é historia do lugar. Moi notábel.

Non podo deixar de falar do líquido. O grande Batuxo conseguiu tres cousas: darnos viños que acompañaron moi ben toda a cea; darnos viños que dificilmente - por diversos motivos - imos atopar de novo, conferindo á velada un carácter adicional á propia variabilidade do menú de “aquela noite”; e darnos viños a prezos moi razoábeis (calquera recomenda grandes crus da Borgoña a 500 pavos). E, sobre todo, conseguiu darnos viños moi, moi ricos, que ás veces esquecemos iso entre tanto relato.

Tremendo ese “rosé de outrora” da Bairrada, xa con anos, que facía viaxar moito máis ao sul. Igual de tremendo que o merenzao de Quiroga que, lamentabelmente, non se vai poder gozar máis.

Vaia, unha daquelas noites.

Comentarios