II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

Pensión Marbella (Muros): nomes dos que desconfiar, recomendacións das que fiarse


Descíamos por Paxareiras no medio dunha brétema mesta: non se vía un carallo. O Corsa gris de diante ía a 30 como moito. Eu pensaba: ¿que fago aquí indo para un sitio que se chama Pensión Marbella?

Pensión Marbella. Hai combinacións de palabras que parecen deseñadas para me escorrentar, polo menos gastronomicamente. Pensión xa soa a cousa de paso, e Marbella á antítese de Galicia: ostentación, opulencia, ver e ser visto, coches grandes e prezos aínda máis grandes.

Pero os que me dixeron que fose saben do que falan. E un aprende, co tempo, que hai nomes dos que desconfiar e recomendacións das que fiarse.

Muros, vila garbosa, pero o día non axuda. Pincho nos soportais e imos aló. Sae David tomar a comanda e todo muda, néboa e choiva aínda fóra.

Longueiróns tamaño diplodocus deixados no ponto certo. Lumbrigante azuliño, carnoso. Robaliza co alliño e o aceite que precisa, branca e tersa, sabedeira. Pataquiñas.

Na copa, o Cíes 25 de Rodri Méndez. Só semanas na botella, pero xa apuntando o viñazo que é. Segue a chover.

Rapaces que toman o relevo nas vilas mariñeiras e que o fan así de ben. Nas beiras de Muros, literalmente enriba da ría.

Se xantamos así con este día de merda, xa me tarda volver cando o sol ande por aí reflectindo no mar.

Comentarios