Un menú con memoria en Nojira (A Pobra do Caramiñal)


Chegaron á Pobra do Caramiñal, a finais do XVIII, cataláns que sabían de sal, de peixe e de contas. Fixeron barrio no Areal, que aínda hoxe lle chaman dos Cataláns. Deixaron salgadoiros e despois conserveiras, deixaron apelidos e tamén casas de pedra que foron cambiando de oficio sen mudar de sitio.

Unha delas, a carón da area, foi salgadoiro e logo consulta de dentista. Garda o chan de xadrez e, detrás, un xardín entre altos muros onde as araucarias, que tampouco son de aquí, levan tempo dabondo para parecelo. Hai non tanto, o fillo do dentista volveu á casa do pai e acendeu o lume.

Luís, que así se chama, non precisa de máis man ca a súa en Nojira para coidar de cociña, sala e conversa. Ten un menú único, un menú con memoria: sardiña en salazón e mexillón en escabeche con allo branco; a historia do Areal presente na mesa. E ben cociñada, cun prato sobranceiro: unhas navallas feitas amodo, ao baleiro, tersas, co sabor do mar recollido nelas.

Luís ten mundo e, como no barrio, o de fóra chega e suma. O miso dá fondo a unhas lentellas con acelga; o repolo disfrázase de nori no maki de rabo de vaca, tan bonito que dá mágoa desfacelo. E, como para non esquecer onde estamos, o bolo do pote, de aquí sen discusión.

Na copa, tintos galegos: o Brancellao de Destinos Cruzados e O Cimbro, un dos parcelarios de Abadía da Cova. Houbo tempo e leria para darlle algún groliño ao Fossi, magnífico amontillado de Primitivo Collantes.

Brincaba o fillo do dentista con que o pai facía sufrir as bocas e el, na mesma casa, dálles pracer. Hai herdanzas que se levan así: dándolles a volta.

Comentarios