Un menú con memoria en Nojira (A Pobra do Caramiñal)
Teimando en comer, beber e contar
Cal é a cara A de Miga e cal a B? Esta semana fun dúas veces e aínda non o teño claro.
Un domingo, volver á terra e gozar da comida caseira ben feita, que os domingos de Miga son caseiros e Adrián Felípez tamén sabe guisar. Ensaladilla, berberechos á feira, ameixón de Muros, queixo da Ulloa con marmelo. E uns callos pegabeizos de verdade: deses en que custa levantar o pan, porque a salsa, densa, xelatinosa, parece que o atrapa.
Seis días despois, a outra cara. O ameixón volve, pero agora con ponzu e xunto a unha ostra. O chipirón chega con pementos de Padrón, piparras, pataca e cebola. Pargo con fiuncho; chantarelas, porro, anguía e trufa; unha gilda de bonito, piparra e percebes. E, como bonus track, un salpicón de bogavante de crack: o aliño, sutil, ao servizo do bicho, e a carne, nese punto meloso.
Do domingo ao sábado, do pote ao prato fino, sen baixar o nivel. Coido que foi o maior salto que lle vin a unha casa dun ano para outro.
Cara A ou cara B? Tanto ten. O disco escóitase enteiro.
Comentarios