A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Evolución e seguridade no Secadeiro (Outes)


Abría o post sobre a anterior visita (en abril, hai dez meses) dicindo que me agrada a xente coas cousas claras. Anticipaba entón Fernando que a horta ía ir gañando protagonismo no menú; facíao coa mesma seguridade coa que, este domingo, nos falaba da evolución que íamos notar. Dicía, tamén, que ese foco nos vexetais permite xogar coa orde dos pratos, quebrar a secuencia tradicional, basicamente pasalo ben sacando o que se sinte que toca en cada momento.

Podería deixar de escribir aquí, porque o parágrafo anterior é unha foto bastante precisa do que acontece no Secadeiro. Pero tamén quero xogar, contar sen orde algunha o ben que o pasamos nós tamén.

Comezando polo final, polos lentellóns de Banzas con mans de porco, pega-beizos monumental antes da sobremesa. Seguindo polos xurumelos (fillos do cebolo) cunha beurre blanc de dashi. O dos fondos é cousa seria alí: a carbonara do allo porro, a demiglace vexetal da milfollas de boniato. A proteína é a secundaria de luxo no reparto dos pratos: a carrilleira de atún vermello escolta ao pak choi (de orixe asiática, si, pero cultivada na horta do restaurante), o touciño completa os chícharos con xema de ovo, o rosbif ao tomate pasificado. Houbo tamén sopa de millo, alcachofa. Até que o amorodo confeitado (boísimo!) e os queixos puxeron o peche a xeito de tarta reinterpretada.

Mención expresa a unha escolma de viños que gaña peso e con cousas novas por vir, contaba Eva. Nós escollemos unha mencía das Rías Baixas, o Viruxe de Pedro Méndez.

Aleda, e moito, ver crecer a xente coas cousas claras.

Comentarios