A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Miga (A Coruña): casa de xantares, taberna, bistró... quen precisa saber?


No primeiro parágrafo da páxina web de Miga aparecen os termos taberna, casa de comidas, casa de xantares e bistró. Coido que por aí, efectivamente, se move a proposta de Adrián Felípez. Pero, mentres estás sentado entre esas paredes de pedra, prato diante, as etiquetas dan bastante igual. O importante é que recoñeces unha vez máis unha proposta xa firmemente asentada, unha cociña de mollar o pan.

Pasamos por clásicos, como a ensaladilla de lagostinos; tamén por tempada, notábeis os espárragos con chícharos e beurre blanc de ourizos; e por horta da nosa: o repolo acompañando aos berberechos e o caldo de grelos a un prensado de cacheira de porco celta boísimo; antes abríramos cunhas ostras, á prancha con yuzu e frita. No viño, ese Amorodos de Atrium Vitis que fai honra ao seu nome.

Casa de comidas, casa de xantares, taberna, bistró... con esa cociña, quen precisa saber? 

Comentarios