Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá
Teimando en comer, beber e contar
Levas o primeiro anaco á boca, seica despois de terte achegado a cheiralo. Comezas a mastigar. Segues mastigando, cada vez máis amodo, sen mirar para ningures. Tragas. E aí sae: “j*der!”. Un murmurio, é certo, pero dilo. “Joo dér!”, así, separado en dúas verbas e con acento no é.
Eu son dos que pensa que o único xeito realmente válido para medir a cociña dun restaurante son os tacos que foxen – espontáneos, xenuínos, incontrolábeis – dos beizos dos comensais. Tacos bisílabos, pronunciados miudiño – son para ti, non para os demais –, acompañados dun leve asentimento: a cabeza que tamén aproba.
Onte, no Asador O'Pazo, deixei escapar moitos tacos. Por suposto, como outras veces, por ese punto de brasa tan difícil de acadar: presente na textura do peixe, do marisco, da carne; presente no cheiro, no afumado; porén, só sutilmente presente, o suficiente para mellorar un produto xa caralludo de seu.
Exemplo: a cherna. Carne tersa, limpa, branca, brillante; pel crocante, no grao certo; pilpil aveludado, denso, co toque cítrico preciso.
Pero onte houbo algo máis. Pode que un puntiño máis nos fondos, nos fermentados; quizais os novos detalles da sala; quen sabe, mesmo a enerxía renovada da volta das vacacións. Non sei explicalo, non sei moi ben o que foi. Pero... “j*der!”.
E, claro, o líquido tiña que estar á altura. Dobre aposta por Rodri Méndez: Leirana María Luisa Lázaro e un Goliardo Loureiro 2012 que disque apareceu por aí cando ninguén o esperaba. Si, supoño que a estas alturas, xa imaxinades o que escapaba con cada grolo...
Ver esta publicación en Instagram
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...