A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Omakasé (A Coruña): ¡toma dúas cuncas!


¿Queres omakasé? ¡Pois toma dúas cuncas! Si, porque na barra de Omakasé podemos outorgar a nosa confianza non só ao itamae, senón tamén ao somelier.

A primeira é obrigada, claro, porque - facendo honra ao seu nome - o Omakasé só traballa con esa modalidade, coa opción dalgún bocado extra (que, por certo, é moi recomendable aceptar). É obrigada, pero vale moito a pena: comezando polo shari, a nai do cordeiro nestes casos; mas tamén polo peixe, ou, melhor dito, polas técnicas que acompañan ao peixe: maduración, afumado, ese toque da brasa... No noso caso, entre outros, vieira, dorada, robaliza, xarda, salmonete e, por suposto, os diversos cortes do atún.

A confianza pode - debe - extenderse aos viños. Certo que se pode ir á carta, tamén de sakes. Pero, xa que estamos no Omakasé, temos que ir polo omakasé na bebida: que vai ser ben medido (catro, tal vez cinco escollas diferentes para toda a secuencia; nada de cantidades abraiantes e saturantes), que vai ser dialogado, que vai ser diferente e, principalmente, que vai ser de moita calidade.

Entón, ¿queres omakasé? ¡Pois toma dúas cuncas en Omakasé!

Comentarios