A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Os contrastes de Londres


Agora que por traballo teño que viaxar bastante alá, tenme fascinado de Londres o permanente contraste entre o vello e o novo.

É cruzar algunha das pontes cara á beira sur do río e poñerte automaticamente en “modo Peaky Blinders”: ao camiñar por Clink Street; pola chea de postos de comida, bares e restaurantes que se amorean baixo as vías do tren arredor da catedral de Southwark; polo Butler’s Wharf, do outro lado da ponte da Torre.

Só a uns pasos, de novo na beira, erguer a vista alén do río ofrece o magnífico espectáculo da City, materialización do poder do diñeiro no século XXI. Unha City que, á súa vez agocha estreitas ruelas con eses pubs de nomes que só os ingleses saben poñer.

Atopo que, lamentablemente, ese contraste irá esmorecendo a modiño, a medida que os case infinitos guindastres que se erguen por alá vaian rematando o seu traballo.

Mentres, disfrutemos dunha cidade magnífica.

Comentarios