A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

55 Pasos (A Coruña): para disfrutar sen presas


Eu creo que o nivel gastronómico na Coruña, por produto e por cociñas, está en algún ponto entre bastante e moi alto; se consideramos o factor prezo, en comparación con outras cidades de España (xa non falemos do mundo adiante), entre moi alto e fantástico. Se tiver que poñer un pero, sería un exceso de homoxeneidade nas propostas, algo, por outro lado, que ven acontecendo en todas partes.

É por iso que gosto tanto do 55 Pasos. Porque, mantendo o nivel ben alto, sáese dos patróns de sala, de cociña, de ritmo e até de redes sociais.

Onte á noite foran tres horiñas co reloxio esquecido: unha ostra perdida en Xapón, que ía ser nórdica pero gañou co xenxibre e o wasabi; a anchoa como ponte cara a uns vexetais estupendos: os espárragos con cabaciña e perrechicos, os chícharos con ovo e papada; o final dos salgados, antes dos queixos, levounos de novo a Xapón, cun toro cru, de heterodoxo corte, magnífico. Na copa, a noite foi francesa: dun Riesling alsaciano a un blend do Ródano.

Longa vida á #cocinasincaralladas

Comentarios