A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Bereket (A Coruña): unha nova proposta de carnes e brasas


Ten unha sala moi acolledora, un servizo amable e atento, o pano de fondo do Orzán. Ten até dúas opcións de menú degustación, algo interesante para, nun restaurante de carnes, dar un paseo pola grella cando vas en parella ou só.

Porén, acabado de facer o primeiro aniversario, coido que Bereket aínda precisa un puntiño máis na cociña.

O menú Lume abriu, por exemplo, cun carpaccio de wagyu suculento á vista, pero cun tempero demasiado presente para a sutileza desa carne, que ficou inmerecidamente agochada. Así e todo, o polbo que chegou despois estaba fantástico, tremendo tentáculo á brasa co punto certo.

As carnes deixáronnos un pouco fríos. Viñan tres cortes de entrecot de Chianina, boi galego (o mellor dos tres) e wagyu, respectivamente. Para o meu gusto, faltou forza, vigor no lume; talvez era cousa da maduración: demasiado planos os sabores.

Finalmente, creo que un restaurante deste tipo precisa unha carta de viños que se abra a unha maior presencia fora dos mainstream de Rioja e Ribera, desde logo con máis propostas galegas.

Vaia, que haberá que ir seguindo a evolución, porque o proxecto é interesante nun terreo, o das boas grellas, onde non estamos sobrados na cidade.

Comentarios